Na liña de en fronte

Desde que me veu o sentidiño, xa hai uns cantos anos, sempre me interesaron as mulleres que ante unha inxustiza non tiñan reparo en coller un lastro e poñerse em primeira liña. Conto isto parafraseando un tema dos míticos Kortatu porque estamos nun momento histórico onde a involución en temas de dereitos democráticos está a se impoñer na maior parte do planeta. Desde Brasil ata o Estado español, o fascismo está a recuperar poder de xeito preocupante. E aínda que este fenómeno adoita darse cada vez que hai unha grande crise económica, isto non vén máis que a confirmar o que contaba (analizando de xeito superficial, xa que o libro é máis profundo) xa hai uns cantos anos o psicólogo social Erich Fromm no seu libro O medo á liberdade, que os humanos ao final temos medo a ser libres e gustamos da autoridade. Mais nestes casos, cando se producen socialmente involucións nos dereitos sociais, nos dereitos das persoas, son as mulleres quen xeralmente levan a peor parte. Isto calquera que estea a ler este artigo pode ratificalo escoitando a este partido da ultradereita chamado Vox, o cal anda a pedir que se ilegalicen as asociacións feministas e que se derrogue a lei de igualdade e violencia de xénero. 

E un pregúntase onde estaba e esta o señor Abascal, membro destacado ata hai pouco do PP, cando mataban e matan mulleres. Que din estes señores de Vox, cando en moitas empresas ante o mesmo traballo, a diferenza de salario entre homes e mulleres é 2 euros mínimo por hora. Ou por exemplo a nível político o de poder nas empresas do IBEX 35 (posibelmente moi amigos de VOX) non chega ao 12% as posicións de liderado das mulleres. Ou por exemplo no 2014 no Estado español, soamente o 16% dos presidentes autonómicos e o 12% dos embaixadores eran mulleres.

Porque cabe recordarlle a esta banda de talibáns disfrazados de demócratas, os cales andan a pedir unha lei de familia, que neses idearios do que é a familia que eles desexan (xa que non se trata mais que de volver á ranciedade do nacional-catolicismo no tema da muller e o seu papel na sociedade) que os estudos feitos a principio desta década demostraban, que aínda hoxe en día, as mulleres seguen a realizar cerca de dúas horas diarias máis que os homes nas tarefas domésticas ou tamén que cerca do 70% das horas dedicadas ao coidado infantil o realizan as mulleres.

Hai uns anos o Instituto europeo de igualdade de Xénero, facía un estudo no que se acreditaba que as políticas de igualdade de xénero soamente poden traer beneficios para sociedade e tamén a fin de contas para a economía. Este estudo demostraba, que se se mellorasen ditas políticas poden crearse de xeito rápido cerca de 11 millóns de postos de traballo adicionais ata 2050, dos cales case o 70% estarían ocupados por mulleres. Deste xeito reduciríase a pobreza, xa que incluso na UE, son as mulleres as que máis sofren esta lacra. Este estudo tamén conclúe que o PIB no 2050 pode aumentar entre o 6-9% se se aplicasen políticas de xénero reais nos países da UE. Isto supón entre 2-3.5 billóns de € adicionais na economía europea.

Porque ninguén no seu san xuízo pode discutir nestas alturas da película que o empoderamento da muller, algo que é unha cuestión de dereitos civís, só pode traer beneficios a toda a poboación en xeral. Isto só se pode conseguir dando as mesmas oportunidades ao acceso dos empregos dignos e de calidade, nin que dicir ten, coa mesma remuneración, algo de xustiza, xa que como dicimos desde o nacionalismo galego: “A igual traballo, igual salario”. Mais tamén é necesario que as mulleres tomen o bastón de mando na sociedade e teñan capacidade de decisión en igualdade cos homes, algo que, como repito, daría a economía un fortísimo impulso.

Máis o que estamos a ver, é que no tema da igualdade nestes derradeiros anos, en vez de avanzarmos retrocedemos a niveis case de fin do século pasado, co cal segundo os expertos nesta materia, necesitaranse case 170 anos pra que as mulleres alcancen os mesmos niveis de ocupación, teñan a mesma remuneración e sobre todo teñan as mesmas oportunidades que os homes para ocupar os postos de mando na sociedade. Porque o sistema neoliberal, e eu atrévome a dicir que o capitalismo en xeral, é totalmente lesivo coa muller na maior parte dos aspectos que concirnen ás súas vidas, xa que como calquera que teña dous dedos de fronte se dará conta, este é un mundo feito á medida dos homes, algo totalmente inxusto e que é fulcral poñerlle fin, simplemente por unha mera cuestión de decencia.

En definitiva, cómpre que as mulleres, as rapazas, tomen esta loita como unha necesidade de primeira orde, porque como dicía Carmen Adan (ex- conselleira no bipartito, ex-parlamentaria do BNG, catedrática de filosofía e unha das persoas que máis entende no tema da violencia de xénero, machismo e desigualdade na muller na sociedade) os homes poderemos ser os vosos aliados, máis esta loita é fulcral que a deades as mulleres. Así que neste 2019, xa sabedes rapazas, todas ante os marichulos de Vox ou semellantes, todas repito á liña de en fronte, que se note, que estades presentes. E se tedes que coller un lastro eu non penso dicir nada.

Na liña de en fronte

Te puede interesar