PRECARIOS E TRABALLANDO POR MIGALLAS

As institucións económicas internacionais sempre dan a mesma receita diante dos atrancos e eivas que podan afectar a un país: precarización das condicións laborais, rebaixa de salarios, diminución de prestacións públicas, presión fiscal sobre o consumo e privatizacións. Todo isto co argumento da recuperación da actividade económica e do emprego, mais cuns resultados que aumentaron a concentración e centralización da renda en beneficio das grandes corporacións empresariais (e fortunas) e dos países máis poderosos. Foron as receitas que afundiron a moitas nacións da América Latina.
Agora, nesta mesma liña, o FMI exíxelle ao Goberno central que dea unha nova volta de porca, para rebaixar salarios e igualar as indemnizacións por despedimento dos contratos fixos e dos eventuais.
En poucas palabras: quérense eliminar os contratos fixos, colocando o conxunto dos traballadores e traballadoras na precariedade, xa que diminuiría a súa capacidade de negociación nos convenios, e premería á baixa os salarios e as condicións laborais. Sería reproducir en todo o mundo do traballo o que sucedeu coas lavanderías do sector hospitalario de Madrid, onde despois da súa privatización, as traballadoras viron como, coa concesionaria, se modificaban as súas condicións laborais radicalmente: pasaron de 7 a 8 horas de traballo ao día, e dun salario de 1.100 euros por mes ao salario mínimo interprofesional (645,30 euros).
Asistimos a un novo chanzo na competencia (axuste) entre os estados da eurozona polo mercado interno, nun marco no que se están eliminando aranceis co exterior, o que agudiza a confrontación. Porén, o máis preocupante, é que a principal resposta sexa a deflación social, como se fixo con tanta dureza e sen resultados positivos definitivos na periferia (os chamados PIGS). Sen dúbida, que unha potencia como Francia tome medidas deste tipo, e de moita contía monetaria, dá pulo a unha nova onda regresiva na eurozona.
Cando se entenderá que o sistema non vale? O capitalismo só pode sobrevivir nesta etapa coa especulación e aumentando arreo a depredación das clases populares e dos países dependentes, como Galiza.

PRECARIOS E TRABALLANDO POR MIGALLAS

Te puede interesar