O FMI e as pensións

Oinforme do FMI sobre o Estado español recoméndalle ao Goberno que non actualice as pensións, e que limite o incremento nun 0,25% anual, co argumento do déficit. Unha situación que calculan seguirá ate o ano 2022. Isto implicaría unha perda de 7% para os/as pensionistas, por mor da inflación acumulada. Esta institución internacional reforza así a liña regresiva que o PP vén aplicando dende que se impuxo o Índice de Revalorización. Na mesma postura defensora dos intereses do capital, o FMI aposta pola prolongación da vida laboral e porque se incentiven métodos de aforro complementario, léase plans privados de xubilación. 
Na súa valoración o FMI non analiza cales son as causas que crean o déficit do sistema de pensións. Por exemplo, que se subvencionen á súa costa contratos e axudas a novos autónomos/as, que non se persiga acaidamente a fraude nas horas extras, e sobre todo, a diminución dos salarios. As pensións están unidas ás condicións de traballo, xa que é un sistema de solidariedade interxeneracional. E as reformas laborais, a deslocalización, a importación de mercadorías a prezo de dumping, e o incremento da man de obra de reserva, degradaron os ingresos de asalariados/as e autónomos/as. 
Se se retardase a idade de xubilación, como pide o FMI, agravaríase a situación no mercado laboral, aínda que se reducise o número de pensionistas. Ademais, o gozo das pensións varía moito segundo o xénero e o tipo de actividade laboral. Por exemplo, un labrego, un peón da construción ou quen realiza tarefas de limpeza, ten unha expectativa de vida de 72 anos (78 para as mulleres), mentres que un médico, contábel ou enxeñeiro chega aos 80 anos (85 para as mulleres). 
Tampouco son unha solución as pensións privadas. Primeiro, porque debido á precariedade e baixos salarios, moitas persoas non terían posibilidade de acceso. Segundo, porque a práctica demostra que son un negocio para as administradoras e unha ruína para a maior parte dos que as contratan, un xogo de casino. En resumo. A única saída progresista é unha distribución xusta do traballo e dos ingresos, asumindo que o aumento dos anos de vida implica maior gasto social. 

O FMI e as pensións

Te puede interesar