Un foro á marxe da realidade

Chama a atención que o “Foro de La Toja vínculo atlántico”, que se presenta como un lugar de reflexión e pluralidade, non utilice o topónimo correcto, que o castelanice, máxime cando entre os organizadores hai persoas nacidas no país, e acudiron cargos institucionais e directivos empresariais tanto da Galiza como de Portugal. Tampouco é de recibo que o Rei diga na súa intervención que “España goza dunha lingua e dunha diversidade lingüística”, ou sexa, colocando a pluralidade lingüística nun papel subalterno, é dicir: a lingua galega. Destacan nas eivas a cativa representación feminina, e sobre todo que non estivo presente a sociedade civil; foi un encontro de elites no académico, empresarial e institucional. 

Aproveitouse o evento para fortalecer a figura do Rei, rexeitando calquera debate ou consideración adversa; déronse argumentos que raian o relixioso, que son cuestión de fe, para frear a reclamación cada vez máis forte dunha República. Outro dos aspectos centrais do encontro foi dar folgos ás reclamacións empresariais, especialmente dos grandes grupos económicos, poñendo o acento na necesidade de potenciar aos sectores con máis futuro (como en Alemaña), evitando ficar atrapados en manter empresas zombis hipotecando recursos e expectativas. 

Son razoamentos que cómpre ter en conta. Mais non se pode obviar que as propostas veñen de sectores moi ligados a unha globalización desmedida e contestada, e dependente da confrontación entre potencias. Asemade, a maioría das empresas galegas forman parte dos vagóns de cola, polo que seu futuro vai depender máis do que pase nos vindeiros anos que da tendencia actual que aínda está mediatizada pola vella normalidade. Daquela que, prever as transformacións, os escenarios posíbeis, permite planificar estratexicamente e gañar capacidade competitiva. Por exemplo, potenciar empresas que aproveiten a desconfianza e os atrancos nas cadeas de subministro moi longas, substituíndoas por producións dirixidas principalmente ao ámbito galego e rexional, utilizando a vantaxe da proximidade e a dixitalización na ligazón co consumo. 

No Foro apostouse pola produción de escala e a internacionalización do comercio e da cultura (non como un complemento), obviando as consecuencias e ensinanzas da pandemia, do cambio climático, e da confrontación entre potencias. Que esta fose a lectura do Foro ten súa lóxica xa que estaban exclusivamente representantes do sistema; ficou ausente a maioría social, e unha resposta xusta á cuestión nacional, de clase, de xénero... 

Un foro á marxe da realidade

Te puede interesar