A estratexia do terror

Ogoberno sirio está recuperando rapidamente territorio ocupado polo Daesh (EI) e por Al Nusra. Os primeiros perderon dúas cidades estratéxicas, como son Palmira e Al Quaryatayn, que abren as portas a rematar co cerco de Deir-Ez-Zor e liberar Raqqa, que fai de capital do Daesh, ambas as dúas sobre o río Éufrates. Estes dous grupos armados están excluídos das conversas de paz entre o goberno e a oposición, por utilizaren o terrorismo, aínda que contan co apoio baixo corda de Arabia Saudita, Catar e Turquía. Esta última benefíciase pola revenda de petróleo e a exportación ao Califato de produtos elaborados. 
A guerra non vai rematar axiña, mais estas conquistas indican que o resultado final xa está decidido, a menos que exista unha intervención exterior de maior envergadura por parte dos protectores da oposición armada, tal como ameazou nos últimos meses Arabia Saudita. As consecuencias dunha arroutada deste tipo serían imprevisíbeis, tendo en conta que Rusia é a segunda potencia nuclear. Por outra banda, Riad xa ten abondo coa intervención no Iemen, onde non é quen de derrotar os houtís e os seus aliados. 
Para alén das ameazas e do fornecemento de armas e munición á oposición “moderada”, que casualmente sempre rematan en mans da Fronte Al Nusra e do Daesh, estas organizacións deron un salto nas accións xenocidas para mudar a situación militar, utilizando armas químicas en Deir-Ez-Zor e Alepo. Nesta cidade causaron no ataque 23 mortos e un cento de feridos entre a poboación civil. Será só un aviso, para aminorar o avance do exército, ou unha constante no futuro? 
Malia que a barbarie destas organizacións non sexa unha novidade, xa que especialmente o Daesh utiliza o asasinato, a tortura, a violación e a venda de mulleres como escravas, este paso adiante semella ter a finalidade de infundir o terror, na poboación civil e nas forzas do goberno. Isto deixa en evidencia aqueles países que lle dan azos. 
O que resulta difícil de entender é que estes actos de barbarie teñan tan pouca divulgación na prensa occidental, e que aínda non fosen rexeitados por parte da OTAN, os Estados Unidos e potencias aliadas. 

A estratexia do terror

Te puede interesar