Un cumio para atar o futuro

Aínda que a visita de Obama a Europa seica estaba prevista con antelación, todo fai pensar que foi aproveitada para deseñar unha estratexia común, ate onde for posíbel, entre os países centrais da Unión Europea e Wall Street. Unha folla de ruta a prol da centralización e concentración da riqueza e do poder na que, para alén de matices, tamén coinciden o Partido Demócrata e a maior parte dos republicanos. De aí que a guerra en Siria fose un aspecto central no encontro de Berlín. Véxase que non se debateu como confrontar coa ameaza terrorista en Siria e Libia. No entanto, demonízase o axer de Rusia en Alepo, mentres se santifica o dos Estados Unidos e aliados en Mosul. A dobre vara de medir. 
Resulta evidente que o avance da globalización, baixo a batuta de Washington, e tendo Alemaña e Reino Unido como socios de privilexio, necesita esmagar a Rusia e China no plano militar, para frear un mundo multipolar que daría ao traste con este obxectivo imperialista. Daquela que reconducir as pretensións populares do voto a prol do Brexit, e evitar a eliminación dos tratados de libre comercio por parte do futuro Goberno Trump, pase por manter a confrontación con Rusia e China, e os conflitos armados rexionais. A OTAN é a punta de lanza desta estratexia. Esta é a razón pola que se quere evitar un acordo antiterrorista entre o novo presidente norteamericano e Putin. Para acadar este obxectivo, utilízase a presión externa como ariete, e no interno instrumentalízase a oposición a respecto das posturas retrogradas de Trump no tema migratorio, ecolóxico e feminino. O tempo dirá se estas tácticas, que contan co apoio das grandes corporacións e dos medios hexemónicos, dan o resultado previsto.
A rolda de prensa conxunta de Merkel e Rajoy, despois da xuntanza, foi a escenificación da subordinación, nunha actitude que contrasta coa prepotencia do Presidente cando, por exemplo, se trata de Cataluña. Respondía aos medios, ollando de esguello a primeira ministra de Alemaña, mentres se xustificaba pola situación da economía e do emprego, e expresaba os seus compromisos coas propostas de Berlín. Ás veces, unha foto vale máis que mil palabras.

Un cumio para atar o futuro

Te puede interesar