Guapa!

Guapa! Guapísima! Aos teus anos, mamá segues sendo guapísima; mirada esvelta, elegancia no vestir e no camiñar, intelixencia no pensar e no falar, integridade total, como sempre, tan bonita! E, como es a mai, pensas que estas gabanzas son innecesarias, sen ser ningún delito. Guapas tamén as túas fillas, as túas noras e moi guapas as netas que tes. Polos fillos, xenros, netos e bisnetos tamén mereces outro piropo. Estamos en tempos de recoñecemento dos valores principais, incluso, hai quen di que o feminismo é un deles. Nós tamén, mamá. Nós é ti sabemos que feminismo é igualdade e a igualdade de dereitos e de oportunidades é un dos valores fundamentais. O feminismo é respecto, recoñecemento, ética, educación, formación e madurez, aínda que as mulleres mozas da túa xeración pensabades que era un soño, ou non?
Moita xente entende que cómpre seguir na loita necesaria para erradicar esa concepción da igualdade como negocio, no que gañan, como sempre, aquelas persoas e organizacións máis poderosas, teñan ou non razón. As mulleres e os homes de hoxe saben perfectamente que, ao falar da sociedade  que integran, non se pode esquecer que hai que darlle a cadaquén o que lle pertence, que hai que procurar a  liberdade e entender a diversidade como un beneficio colectivo. 
Cómpre, dicimos, respectar os dereitos de tódalas persoas, independentemente do seu xénero, independentemente da súa procedencia, da familia á que pertencen, do lugar de nacemento, do papá e da mamá. Se é necesario mover e cambiar estruturas socias, que se faga. E para facelo hai que fomentar a formación en tódolos niveis, hai que poñer o coñecemento ao servizo das persoas, que deben ter traballo e salario, pan e compango.
As persoas, homes e mulleres, deben antepoñer a razón, para avanzar, para conseguir que a convivencia sexa normal, para que non desguste a oferta poética de Gustavo Adolfo Bécquer e para poder interpretar correctamente aquilo de Don Pablo Neruda, “para que nada nos amarre, / que no nos una nada”. As mulleres e os homes teñen moito que facer conxuntamente, de noite e de día, teñen que impoñerse e impedir a fame, a desconsideración, a ablación e a pobreza. E xa o saben, amigos lectores, igual que dicía Rosalía e pode dicilo cada un de vostedes:  “como a miña nai ningunha”. 

Guapa!

Te puede interesar