A NOITE DE SAN XOÁN. A GALERÍA SARGADELOS

Xuño é o mes de San Xoán. Estamos a unha semana dunha das festas máis salientables do ano, tratándose dun dos santos máis representativos do santoral cristián; tan só en Galicia é o patrón de vinte concellos e máis de duascentas freguesías. San Xoán Bautista ostenta o padroado de músicos, xastres, peleteiros e hostaleiros, herdando a súa festa unha serie de ritos e costumes derivados de festividades precristiáns.
Esta festa ten en Galicia gran raizame popular, ligada aos ritos do solsticio do verán. Durante a noite máis curta e más telúrica do ano, a presenza dos catro elementos: terra, fogo, ar e auga, xunto coa música e a danza, enchen o ambiente dun espírito máxico.
Acéndense as luminarias na media noite nas prazas das vilas, nos rueiros das aldeas ou nos cumios dos montes, persistindo antigos costumes como carrexar a leña corenta días antes, engadir leña verde para que o fume escorrente as bruxas e meigas, saltalas nove veces para atopar parella ou bailar ao seu arredor a xente nova collida da má.
Moi relacionada con San Xoán está a auga, chea de carga ritual, procedente de fontes milagreiras, de lagoas lendarias, ou pola toma a media noite do baño fecundante das nove ondas en moitas praias e pontes de ríos.
Outras prácticas tradicionais son o lavado da cara na amañecida de San Xoán coa flor de auga procedente da rosada da noite anterior, aderezada de herbas olorosas, e o costume de ver “bailar o sol no abrente”, cos ollos lavados en auga florida, contemplando a amañecida do día máis longo do ano.
En Galicia algúns concellos urbanos están a recuperala costume de acender as fogueiras de San Xoán, cunha intención tinguida de certo populismo barato, estendéndose hoxe a costume de que a xente nova levante as luminarias nas praias das cidades, caso da Coruña, como coartada da noitébrega afección xuvenil ao consumo a esgalla de alcohol. A inevitable cultura das sardiñadas ven a engadir un oportunista toque gastronómico a esta festa.
No concello de Ferrol salienta hoxe a monumental luminaria de Esteiro acesa no campo de Batallones, cunha concorrida presenza veciñal.
Aínda que xa non teñen lugar aquelas luminarias de tempos pasados, como as acendidas na rúa Insúa do barrio de Canido ou na estrada de Castela, no cruce coa estrada de San Xoán, onde os mozos esperábamos ao paso do derradeiro tranvía para plantarlle fogo, seguen a celebrarse outras fogatas na rúa Pérez Parallé ou no campo da festa de San Xoán de Filgueira.
Outra referencia cultural na cidade de Ferrol é a galería Sargadelos. A actual recuperación de Sargadelos naceu coa creación do Laboratorio de Formas de Galicia no Castro, Sada, o ano 1949, impulsado por Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane coa colaboración doutros artistas galegos.
O proxecto evolucionou creando un notable complexo cultural, incluíndo a recuperación do Seminario de Estudos Galegos, un Museo de Arte Contemporáneo, e unha importante empresa editorial, que a partires do ano 1970, se materializou no novo Complexo Industrial de Sargadelos.
Deste xeito recuperouse a memoria histórica dunha prezada cerámica de fermoso colorido, cunhas sinais de identidade propia e unhas formas autóctonas que recoñecen a realidade diferencial do carácter galego, todo iso dentro dunhas novidosas, mesmo atrevidas, concepcións do deseño.
Nestas datas celébrase o vixésimo quinto aniversario da presenza da galería Sargadelos en Ferrol.
No seu labor na nosa cidade, levou a cabo non só o traballo de amosar a peculiar produción cerámica e a abondosa oferta bibliográfica da empresa matriz, se non tamén ofreceu un acolledor local para todo tipo de actividades culturais. Particularmente me cumpre agradecer a atención do todo o seu persoal, desde Chelo Loureiro e Fina Casal ata Verónica Rego e Sonia Montero, cara a tódolos que nos achegamos á Galería Sargadelos, desexando que continúe a ter unha prolongada presenza en Ferrol.
jjburgoa@hotmail.com

A NOITE DE SAN XOÁN. A GALERÍA SARGADELOS

Te puede interesar