O marqués de Amboage e a súa fundación benéfica

ai agora cento vinteún anos que se inaugurou a estatua do Marqués de Amboage, ao tempo que se lle daba o seu nome á praza ata entón chamada de Dolores. Nos últimos tempos a cerimoniosa e broncínea escultura do marqués, obra do escultor madrileño Enrique Duque, amósase en mal estado de conservación e limpeza, carecendo o seu pedestal do escudo de Ferrol que lle foi espoliado fai varios anos.   
 Desde a miña mocidade, na que pasei moitas horas na praza de Amboage xogando ao fútbol e fumando os meus primeiros Celtas, chamáronme a atención as historias contadas arredor do marqués. Pensei que algún día tería que facer unha viaxe a Cuba para coñecer a verdadeira historia de Ramón Plá. Cincuenta anos máis tarde cumpriría ese desexo de viaxar á illa de Cuba; pescudando nos arquivos da illa e falando con historiadores cubanos, comprobei a inexactitude da lenda da súa fortuna adxudicada ao tráfico de escravos.   
 Ramón Plá y Monge naceu o ano 1823 na rúa do Sol; os seus antepasados chegaron a Ferrol desde Cataluña, dentro da poboación de aluvión de finais do século XVIII, dedicándose ao comercio do viño. Sendo aínda un mozo emigrou a Cuba, o mesmo que fixeron, entre os anos 1830 e 1842, tres irmáns, unha irmá e mesmo a súa nai. Traballou de arreo na illa caribeña, foi empregado e logo propietario dunha ferraxería na Habana e máis tarde fundou as empresas de subministro de gas ás cidades de La Habana e Matanzas.
 Enriquecido co seu traballo, non fixo como a maioría dos “indianos” galegos de volta en Galicia: pasear polo seu pobo vestidos de cubanitos, facer un chalé seudomodernista cunha palmeiriña na entrada, e, polo si ou polo non, levantar unha escola ou unha capela para tranquilizar a súa conciencia. Ramón Plá, home moderno e emprendedor, fixo unha curta visita a Ferrol, instalou a súa anciá nai na Coruña, afincouse en Madrid o ano 1860, casou de novo e aumentou de xeito importante a súa fortuna con negocios bancarios e inmobiliarios.
Nunha época na que a sensibilidade social se reducía ao exercicio da caridade pola igrexa ou por unhas entidades tan voluntaristas como anacrónicas, Ramón Plá, marqués de título pontificio, que non da nobreza de España, obtivo esta distinción polo seu xeneroso labor de creación o ano 1892 dunha importante Fundación Benéfica en Ferrol, rexida polo alcalde da cidade, o cura párroco máis antigo e catro membros, pertencentes á clase traballadora, de xeito obrigado por estatutos. A Fundación, creada en lembranza da temperá morte do seu fillo primoxénito, foi un exemplo de xenerosidade cara á cidade onde naceu.
 Recoñecido como exemplar patriota pola prensa e os intelectuais galegos da súa época e lembrado con agradecemento por moitas familias ferrolás, foi posteriormente atacado e denigrado por ignorantes de tódolos sectores políticos, adxudicando a súa riqueza a unha presunta dedicación á trata de negros, actividade que nunca exerceu. 
 A Fundación Amboage quere lembrar a figura do marqués e a importante proxección social da propia Fundación, primeiro na súa faceta de redención económica dos quintos chamados ao servizo militar ou premio aos licenciados do servizo obrigatorio, e máis tarde na doazón de importantes esmolas ás entidades benéficas de Ferrol. 
 Con este obxecto acaba de editar un Tríptico que da a coñecer a vida e obra do marqués ferrolán e a historia da Fundación Benéfica do seu nome, ao tempo que lembra as que foron espléndidas festas laicas de Amboage. Festexos que no pasado tiveron gran sona dentro de Galicia, salientando especialmente os afamados fogos do Marqués, hoxe cada vez máis escuchimizados e arredados da praza urbana onde naceron, mentres que o resto do programa festivo carece da relevancia de outrora. 
Neste senso, os tempo pasados (e desde logo os responsables das festas) eran mellores que os de agora.
 

O marqués de Amboage e a súa fundación benéfica

Te puede interesar