O caos municipal de turismo, cultura e patrimonio

Turismo, Cultura e Patrimonio, tres importantes sectores relacionados de seu e que atinxen á promoción económica de Ferrol, atópanse nas respectivas mans de dous concelleiros de partidos distintos e unha concelleira non adscrita a ningún dos que conforman a corporación municipal. Ou sexa, tres persoeiros distintos e un só caos verdadeiro. 
 No século XXI a metade da poboación mundial vive nas áreas urbanas, polo que as cidades emerxentes promoven o seu desenvolvemento integral fomentando os recursos de Turismo, Cultura e Ocio, poñendo en valor o seu Patrimonio Cultural. Co crecemento do tempo libre e da esperanza de vida, coa globalización da cultura e o progreso das comunicacións, medra o turismo cultural, constituíndo unha oportunidade para humanizar os centros históricos e dar unha cumprida atención aos barrios e ás áreas rurais.   
Nosa cidade debe afondar nas súas sinais de identidade, conxugando de xeito intelixente tradición e modernidade. Ferrol, antiga vila medieval, recreada pola Coroa o século XVIII, ten como identidade propia a Ilustración, que deixou un importante Patrimonio Material no Urbanismo, na Enxeñería Naval e na Arte, e unha pegada inmaterial na construción naval. Non obstante, Ferrol foi incapaz de atinxir o galardón de Patrimonio da Humanidade, baseado nunha exemplar ordenación do territorio, integrando o arsenal militar, as fortificacións defensivas e un urbanismo de deseño racional. 
 Os sucesivos Concellos non souberon conducir de xeito dilixente este proceso: non crearon a axeitada Fundación ou órgano de Xestión, non lograron integrar unha Universidade curta de miras, uns Colexios Profesionais ausentes e unhas asociacións culturais desnortadas, e non contaron coa debida colaboración da Armada e da Xunta de Galicia. Tampouco se creou o necesario Centro de Interpretación da urbe ilustrada e non se puxo a dispor dos investigadores a abondosa documentación do proceso agachada no antigo Hospicio. 
Cumpre lograr unha seria promoción da Ruta da Construción Naval, do edificio de Ferrerías, como referente do patrimonio industrial dunha cultura do traballo, e do Museo Naval, como depositario da historia da Armada, actuando axeitadamente sobre a fachada marítima para que Ferrol sexa esa cidade aberta ao mar que sempre debeu ser. Ao tempo que desaparece o actual porto comercial, a Autoridade Portuaria debe traballar seriamente para manter ese especial encanto que posúen os espazos portuarios, sen crear centros comerciais ou construcións disparatadas que agachan a fachada marítima e rompen a desexable relación do cidadán co seu contorno. 
Outro valor sobranceiro de Ferrol é o Modernismo, unha serie de notables construcións inseridas de xeito modélico na trama urbana ao comezo do século XX. Como referente da memoria popular temos na comarca dous camiños históricos de peregrinación nos que se debe traballar de arreo: o Camiño Inglés a Santiago e o Camiño a San Andrés de Teixido; singularmente o primeiro, sempre maltratado pola Deputación Provincial, falemos de Diego Calvo ou de González Formoso. Esmorecidas as festas de San Xulián e do Marqués de Amboage, deben coidarse dúas datas de fonda tradición ferrolá que atraen a moitos visitantes: a Semana Santa e as Rondallas das Pepitas.
 Neste marco cultural hai varios temas nos que se debe actuar de xeito decidido: a creación dese imposible e necesario Museo da Cidade do que carece Ferrol, cos seus correspondentes Centro e Revista de Estudos Locais, a coordinación de actos no Teatro Jofre e no Auditorio (cada vez máis desprazados a datas fóra dos venres e sábados), e a mellora da atención aos artistas locais nos Centros Culturais municipais. 
 Para rematar, unha reflexión sobre o papel da cultura nas actividades municipais. Os responsables culturais deben apoiarse nun triplo labor: un, coñecemento e fomento das peculiaridades específicas de Ferrol; dous, axeitado coñecemento da cultura galega; e tres, difusión da cultura actual nas súas diferentes manifestacións; todo iso mantendo un diálogo fluído coas asociacións culturais e interlocutores sociais. O Alcalde ten que coordinar o traballo dos responsables de Turismo, Cultura e Patrimonio. Para iso está e non para pelexar con outros membros do Concello, un espectáculo do que tanta culpa teñen uns/unhas como outros/as.  
 

O caos municipal de turismo, cultura e patrimonio

Te puede interesar