Váise señor Sánchez!

bofé que estamos collidos nunha trampa. A mesma que nos levou a este pre-acordo entre Pedro Sánchez e Pablo Iglesias que non é o mesmo, non nos enganemos, que un acordo do PSOE con UP. E aquí está a raíz do problema, dito doutro xeito, nas últimas eleccións o partido socialista acadou maioría de votos pero, a pregunta é tan inevitable como transcendente, ¿canta xente votou PSOE e canta votou por Sánchez?. Penso que agora, despois das súas delirantes e mentireiras declaracións do luns 11, os votos de Don Pedro baixarían notablemente.
Chego a esta conclusión á vista dos comentarios, prensa / TV, a este casoiro, xuntanza á que non se lle augura moito futuro, si é que chega a consumarse. Hai voces moi autorizadas que xa están pedindo non só que se desfaga este pre-acordo senón tamén a dimisión do presidente en funcións.
Estas mesmas voces, acusan a este home de tomar o pelo á cidadanía e mesmo dunha desmedida ambición de poder. A pesar da falta de sintonía co Sr Iglesias, chegou despois de moitas negativas e desprezos a un entendemento con el porque, a meu xuízo, e da maioría do pais, é o único camiño que ten para ocupar a presidencia do Goberno e iso sábeo moi ben Don Pablo. Unha xuntanza sen amor e chea de desconfianzas, da que só pode saír unha galdrexada* de goberno e por riba un caos, opinión case xeneralizada.
Falaba no meu apunte do pasado 16N que, tal como están as cousas, non hay outra solución mellor que unha coalición PSOE-PP. Sen dúbida, a pesar das diferencias coñecidas, ambos partidos teñen puntos de encontro. Traballen os responsables sobre eles e cheguen, si ou si, a un acordo, que sería histórico, esquecendo xenreiras e ambicións persoais, pensando soamente no que é o mellor para o país. Se para elo hai que cambiar os protagonistas fagámolo. Non ten sentido un goberno lastrado en orixe pola falta de empatía entre os seus rexedores. Acórdense asemade, uns e outros, do aforismo que di que arrogancias nunca gañaron preitos.
Ata aquí este inciso, volvamos agora á situación actual: Despois da falcatruada, con abrazo incluído, do pasado luns, só un día despois da repetición das eleccións, semella que o problema principal é vostede Don Pedro porque, con estes feitos, non é de fiar, así que repito, ¡vaiase Sr Sánchez!, abonda xa de tanta votación e desgoberno.
    *Galdrexada.- Comida mal feita, con moitas cousas mesturadas e de mal aspecto.

Váise señor Sánchez!

Te puede interesar