É o rei emérito o único culpable?

Xa coñecedes os que ledes meus apuntes a miña afección polos refráns, eses tesouros da sabedoría popular. O de hoxe di que da árbore caída, todo o mundo fai leña.

Ven isto a conto pola desapiadada campaña en contra do emérito, polos seus supostos delitos monetarios cometidos ao longo da súa vida. 
Como dixen nun apunte anterior, pasou de heroe a vilán. Independentemente da súa culpabilidade, a política, os políticos inimigos da monarquía, están a acusalo tódolos días, de xeito interesado, de novos delitos. Aproveito para dicir que a política sería unha moi nobre e meritoria ocupación si non a estragaran os políticos.

Eu pregúntome e pregúntovos, é o agora chamado rei emérito o único culpable? Non teñen ningunha responsabilidade todos os que durante moitos anos calaron os seus delitos, que ben se coñecían entón, facendo negocios á súa sombra? Moitos deles atácano hoxe de xeito feroz. Que conste que eu non son monárquico, nin deixo de selo, pero penso que o que vos conto, abonda para constituír unha atenuante á hora de xulgalo. O que cala outorga é outro refrán que, dalgún xeito sinala a moitos culpables que consentiron, aplaudiron e incluso se aproveitaron das circunstancias

En outro orden de cousas, miúda papeleta lle deixa o goberno ao rei actual poñendo nas súas mans o xuízo e as accións a tomar en contra do seu pai. Don Juan Carlos pasa ben dos oitenta anos e despois de ser o paladín da chamada transición democrática está a ser xulgado, nada menos, que polo seu fillo.

Non sei ata que punto é legal este deixamento de funcións por parte do goberno, poñendo en mans dun fillo xulgar os actos do seu pai, ou só se trata de pasarlle a pataca quente, sabe Deus con que avesas intencións?

Dende este apunte pido que o fillo teña en conta os méritos do seu pai, que tamén os tivo, a súa idade e o atenuante do que falei máis arriba. O rei Felipe VI ten a palabra, a monarquía é moi importante pero un pai, sobre todo en momentos como este, está, ao meu xuízo, por riba de todo. Non é doada a solución, pero non esquezamos que unha virtude fundamental nun rei, xunto coa prudencia, ten que ser a magnanimidade.

Práceme rematar con palabras bíblicas: “El que esté libre de pecado, que tire la primera piedra”.

É o rei emérito o único culpable?

Te puede interesar