Miércoles 20.02.2019

Pérez Reverte

Nestes xélidos días que estamos a pasar, dei na teima de revisar libros que levan moito tempo na casa. Ás veces, na metade da lectura, encontro sinais, unha paxina dobrada no ángulo superior dereito ou mesmo algunhas verbas subliñadas, e doume conta de que este libro xa o tiña lido hai tempo. Cousa da memoria e dos anos que non perdoan. De calquera xeito, non importa, hai un pracer, que tamén podería chamar saudade, en reler aqueles libros que moito nos gustaron outrora. Desta volta tocoulle a “Cuando eramos honrados mercenarios” de Arturo Pérez Reverte (1951), un home de moitos oficios e saberes cunha ampla traxectoria vital. Membro da Real Academia Española (RAE) dende o ano 2003. Como gusto de dicir, un cartagenero deslinguado, produto daquela terra de montes sin leña, mar sen pescado....etc, cunha gracia especial á hora de poñer cualificativos aos protagonistas dos seus interesantes e moi entretidos artigos como é o caso deste libro. Dígoo sen acritude, non como unha crítica senón todo o contrario, é unha ledicia ler cada un dos seus capítulos. Súas roucas verbas, sempre colocadas no lugar oportuno, reforzan se cabe o seu acusado sentido do humor, do sarcasmo e mesmo da carraxe.

Dun ou doutro xeito, non deixa títere con cabeza con expresións moi características da súa terra que eu recordo de cando estiven destinado alí hai moitos anos. Ao longo do libro que ten exactamente 625 paxinas, botaba eu de menos unha destas expresións típicas da Peñica que ao fin atopei no capitulo titulado Gilisoluciones para una crisis (Pag.483). Trátase da expresión “tontoelpijo”, segundo el un “tonto ligeramente cualificado o con ínfulas de serlo”. Fíxome ilusión atopala despois de tantos anos.

O libro, de lectura recomendada, é unha escolma de artigos publicados no XLSemanal entre os anos 2005 e 2009 baixo o lema Patente de Corso que aínda segue entregando a Voz de Galicia tódolos domingos. Leva con este choio máis de vinte e cinco anos e este é o cuarto libro, os outros tres levan por título: Patente de Corso, Con ánimo de ofender e No me cogereis vivo. En todos eles derrama retranca, humor, tenrura, ironía, críticas e indignación dirixidos en gran parte a súa besta negra que é a clase política en xeral. Ata onde eu sei, en 2011 publicou un quinto libro, que non teño, con textos e artigos sobre barcos, mares e mariños, escritos entre1994 e 2011, titulado Los barcos se pierden en tierra.

Un dos últimos capítulos que acabo de ler leva por título Un Gudari vasco. Nel narra o autor o desigual combate naval do Cabo Machichaco entre o todopoderoso cruceiro Canarias, 13.000Tm, catro torres dobres de 203 mm contra catro bacallaeiros artillados, 1.200Tm, un canón de 101.6 mm a proa e outro a popa. Conta asemade como o comandante do bacallaeiro Nabarra morre en combate e afúndese no mar co seu barco. Acaba a narración descubrindo que este gudari non era vasco en realidade, senón un paisano seu de Cartagena e engade, para rematar, ao seu máis puro estilo,...” con un par de huevos, exactamente donde hay que tenerlos”. ¡Moitas gracias Maestro!

Pérez Reverte
Comentarios