Moito sentidiño

Se digo que a cousa está mal, non digo nada novo que non saibamos todos. Se digo que a cousa está “jodida”, xa empezo a centrar o problema. Non quero ser agoireiro nin alarmar máis da conta a ninguén pero si dicir que o que temos diante non é ningunha coña e non hai que tomala de brincadeira. Eu polo menos, non lle vexo o final por moito ferro que lle queiran quitar as autoridades sanitarias e políticas que, tamén a política anda metida neste pandemonio.

Cada día, cada hora, miles de novos contaxios no mundo enteiro, nunha curva cunha pendente que non deixa de medrar, ¿ata cando?. A pesares da máscara e demais medidas hixiénicas, os contaxios aumentan a diario. Non sei a vostedes, pero a min a contemplación de tanta xente coa máscara posta, ou a medio poñer, prodúceme unha sensación de desacougo, perigo e medo. Ámbalas dúas, pandemia e máscara, chegaron para quedarse moito tempo e non queda outra que afacerse a elas ata que apareza a vacina que, ¡ xa veremos cando e como!.

Paralelamente ao problema sanitario temos, como consecuencia directa, o económico que está a arruinar o mundo enteiro. Aos millóns de contaxios e miles de mortos hai que engadir as perdas millonarias en negocios e postos de traballo.

    Non é a miña intención ser negativo senón todo o contrario. Diríxome a toda a poboación e moi especialmente á xuventude: Hai que lle dar ao problema toda a importancia que ten, cumprindo ao cen por cen coas directrices das autoridades sanitarias que son as que máis saben da pandemia, anque aínda non se coñeza a súa natureza, o seu orixe nin o seu xeito de curala.

A xente maior, por maior, constitúe un grupo de risco indubidable, pero tamén a xente nova, por nova, está exposta como se está a ver ultimamente. Ás veces semella que non son totalmente conscientes dun problema que, oxalá sexa esta unha exaxeración miña, está ameazando a existencia mesma da humanidade, cunhas consecuencias previas que non me atrevo a enumerar.

Homes sabios hai no mundo enteiro traballando contra reloxo na procura dunha vacina que remate con este pesadelo. Mentres esta non apareza, e estea a disposición de todos, urbi et orbi, facédeme caso como recomendo no título, moito sentidiño, pois moito é o que nos estamos a xogar.

Pido desculpas por escribir insistindo en algo tan negativo como sabido pero, penso que non está demais recordar a todos os riscos que corremos. E moi especialmente á xente xove. Se ao final resulta que exaxero, e a cousa non era para tanto, ¡louvado sexa Deus!.

Moito sentidiño

Te puede interesar