Delibes (1920-2010)

O dia 17 cumpríronse cen anos do nacemento de Miguel Delibes Setien, un escritor galardoado cos seguintes premios: Nadal 1947, Nacional de Narrativa 1955, Príncipe de Asturias 1982, Nacional das Letras 1991 e Miguel de Cervantes 1994, xunto con outros moitos títulos e recoñecementos. A súa temática abarca Novela, Relatos, Viaxes, Caza e Pesca, Ensaios e Artigos, a maioría deles con un denominador común arredor da ecoloxía e das relacións humanas onde se pon de manifesto o seu amor pola terra e polos homes. En 1993 foi elixido membro da Real Academia Española.

Remexendo na miña librería, escollo como sentido homenaxe un libriño titulado “Un mundo que agoniza”, un controvertido ensaio polo que foi acusado, sen razón, de estar contra o progreso. Lino de novo nunha soa xeira; aos meus anos, xa xubilado de todo, se algo me sobra é tempo para ler. No libro defende a súa posición falando do binomio que el chama Técnica-Naturaleza no que sen menosprezar a primeira defende a segunda. Fala asi mesmo do culatazo, así o chama el, que teñen moitos adiantos. Segundo di cada avance leva consigo, dalgún xeito, un retroceso e aquí é onde os homes teñen que ser conscientes identificando os efectos adversos. Para ilustrar a súa teoría pon, entre outros, o exemplo dos avances da medicina, que como consecuencia negativa levará a un aumento desorbitado da poboación no mundo ata chegar a 56.000 millóns de habitantes a finais do século XXI. Engade que neste mundo que estamos a vivir non caben tantos habitantes polo que se fai necesario buscar e atopar unha solución para evitar un futuro que se adiviña negro, guerras, pandemias, fames, contaminacións, corrupcións..etc, no que dalgún xeito xa estamos hoxe. 

A min ocórreseme dicir que, para regular este crecemento debe levarse á mentalidade da xente, a idea de que procrear un fillo ten que ser unha decisión consciente, froito dunha profunda reflexión, pensando sobre todo no ser non nato en relación co mundo que vai a atopar aí fóra. Ben sei que a cousa non é doada, pero non vexo outra solución.

O libro que foi escrito a finais dos anos 70 avogando por unha harmonía entre Técnica e Naturaleza preséntanos cifras demoledoras no que se refire a contaminación no mar e na terra, con desaparición de especies na flora e na fauna e o esgotamento de recursos de primeira necesidade. A pregunta é inevitable ¿como han evolucionado estas cifras cincuenta anos despois?. E outra transcendente nestes intres, entre as eivas que Delibes augura, ¿non estaría implícito, dalgún xeito, o Coronavirus que hoxe nos afoga ?

Prolífico escritor, como o acredita a súa extensa obra, e gran persoa. O seu aniversario é unha boa ocasión para reler libros tan interesantes como Los Santos Inocentes, Cinco horas con Mario, El Camino o El Hereje entre moitos outros títulos que xa pertencen por méritos propios á gran Literatura. 

Como comentario derradeiro a “Un mundo” que agoniza nada mellor que transcribir as verbas incluídas na súa solapa:

“La obra no es un lamento más, sino el análisis de las causas y una enérgica aportación al remedio. Este libro,..., merece ser texto en las escuelas y breviario de salvación de quienes desean seguir siendo seres humanos.

Delibes (1920-2010)

Te puede interesar