Dazaoito millóns!!!

De euros!!. Nin máis nin menos é o que vai custar, cada ano, a fichaxe do novo adestrador do Real Madrid. Un millón e medio cada mes equivalentes a douscentos cincuenta millóns das antigas pesetas, e repito ao mes, porque costa traballo crelo. Ou sexa máis de oito millóns de pesetas/día, así explicado polo miúdo para que o entenda ben todo o persoal. Dito de outro modo, e facendo números redondos, case mil veces o soldo medio en España.

Súmenlle a este disparate as primas por partido gañado ou empatado, e aínda pola consecución de obxectivos. Por riba a seguridade esixida no contrato de cobrar unha compensación millonaria en caso de cese por mala xestión ou malos resultados do equipo. Non é de estrañar que con estas cifras e condicións, estes homes pensen que son xenios, anque mirándoo ben, quizais o sexan,..... dalgún xeito. Todo o anterior está a suceder nun país con máis de seis millóns de parados e moita xente pasando necesidades sen conto. Non atopo outro cualificativo mellor para definilo, “inmoralidade”, o miredes por onde o miredes, e por riba un esperpento.

Esta é a primeira reacción á desfeita do pasado día cinco no Bernabeu, a pesares da morea de cartos investidos no actual plantel. A segunda é que o nachiño en cuestión vén coa potestade, tamén esixida no contrato, de facer e desfacer no equipo ao seu xeito, incluíndo a fichaxe dos futbolistas máis caros do mercado, ao prezo que sexa e desfacéndose dos actuais, que custaron millóns, por catro cadelas.

Hai xente, moita xente, que non só non lle da importancia a esta situación senón que a ve normal, sentindo por estes persoeiros do fútbol unha admiración fóra de toda lóxica. Os medios de comunicación pola súa parte cóntano e airéano máis como unha fazaña dos directivos que como o que é, e repito de novo, unha “inmoralidade”. Penso que se fai necesario, e urxente, unha revisión a fondo do controvertido mundo do fútbol, regulamentando e limitando as cifras das fichaxes de adestradores, xogadores e mesmo directivos, investigando ao mesmo tempo como se gobernan e reparten as cantidades inxentes de euros que se xeran, neste disque deporte rei.  Como dicía o raposo do conto: ¡A min chéirame a can!

Aclaración urxente: As contas e razoamentos anteriores foron feitas en base a unha información lida no móbil, referida a fichaxe, seica por ese tsunami de cartos, dun adestrador de sona. Agora resulta  que o elixido foi outro. Non sei como lle quedaría o corpo ao “Special One”.

Descoñezo os cartos que vai levar o novo xenio, pero penso que é mellor que non o digan. El manifesta, nas súas declaracións, moito amor polo club e mesmo polo seu presidente pero, como dicía un de Vilalba, “amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale”. Todo moi ben, moito sorriso e bo rollo por parte de uns e outros, “tutti felici e contenti”. Xa veremos como remata o conto e como lle vai ao novo adestrador, ao equipo e mesmo ao seu prepotente presidente.

Feita esta aclaración, non quito nin unha coma do que xa tiña escrito.

Dazaoito millóns!!!

Te puede interesar