A investidura

Martes 23 de xullo. Eu son apolítico, paso da política e dos políticos. A pesares delo gústanme os debates. Aínda recoñecendo que cada un vai ao seu, defendendo a súa postura e ao seu partido, contra vento e marea, recorrendo a esaxeración e á mentira á hora de atacar ao adversario, gústame e admiro a capacidade de resposta e de aturar, sen pestanexar, as descualificacións a miúdo ofensivas do opoñente. Uns e outros, que tan bo e Xan como Perillán.

Soportei durante horas as sesións do debate de investidura, o longo discurso do candidato e as réplicas da oposición. Sánchez (PSOE), Casado (PP), Rivera (Cs), Abascal (Vox) e o resto de portavoces, con maior ou menor representación, esgrimiron razóns e sinrazóns, acusacións, verdades, medias verdades e mentiras cando necesario foi. A pesares de tanta elocuencia derramada, non foron quen de chegar a unha solución.

Hai un argumento claro, incontestable que aduce o presidente en funcións cando di que o noso país non pode seguir soportando esta situación por máis tempo. Todos coinciden en que é necesario e urxente formar un goberno e en que neste momento só hai dúas alternativas viables, ou o Sr Sánchez ou novas eleccións en novembro, con toda seguridade despois dunha nova e dubidosa convocatoria en setembro.

Despois da votación de hoxe, 124 si, 170 non e 52 abstencións, un rotundo fracaso do aspirante, non vexo que de aquí ao xoves 25 o resultado cambie por moitos ases que uns e outros garden na manga. Como todo é posible en política, se gaña o si, acadariamos con toda seguridade, un goberno débil, produto dunha situación e dunhas circunstancias nada favorables para á gobernabilidade do país. Un goberno vixiado dende fora e dende dentro. O trío das dereitas na oposición e o binomio Sánchez (PSOE)- Iglesias (UP), dous egos enfrontados que, ao meu xuízo, está condenado o fracaso.

Xoves 25 de xullo. Non a investidura, non podía ser doutro xeito despois da votación do martes e de marear a perdiz durante toda esta mañá. Agora queda setembro, máis do mesmo sen dúbida, e logo, para rematar a desfeita, novas eleccións en novembro. Namentres o país esmorece sen goberno e, o que é peor, sen gobernantes que den a talla como queda sobradamente demostrado. Anque soe a tópico, nunca tan poucos fixeron tanto mal a tantos. Señores Sánchez, Casado, Rivera, Abascal e Iglesias, principais protagonistas, despois do seu fracaso, ¿non sería esta unha boa ocasión para retirarse, dedicarse a outra cousa e deixar paso a xente con máis ideas, con menos xenreiras e sobre todo con máis sentido do Estado?. ¡Fáganlle un favor ao seu país e vaianse!

Eu, como xa dixen, non son de aquí, de alá nin de acolá, pero ollo co trío das dereitas que coa súa actitude e o seu discurso, recordan tempos pasados, que tanta sangue e dor causaron neste sufrido país noso.

A investidura

Te puede interesar