jueves 02.07.2020

O xen galego

on hai un xen específico para os gays. Esta é a conclusión a que chegou un estudio do que se facían eco os xornais en días pasados. Tampouco existe o xen negro nin o xen galego. Son categorías feitas co obxecto de afirmar ou negar diferenzas por motivos ideolóxicos.
Para explicar a superioridade física dos afroamericanos asociouse ao inicio do s. XX a cor da pel a unha relación inversa entre condicións físicas e intelecto. Para xustificar a endogamia histórica galega afirmase que somos máis africanos que os andaluces. Pero nin os atletas negros son mellores pola cor da pel nin os galegos deixamos de ser galegos por ser universais. Porque o certo é que o ADN dun africano ten máis diferenzas co do seu veciño africano que co dun europeo, porque até que un pequeno grupo de nómades decidiu expandirse polo mundo todo o xenoma humano concentrábase en África, e isto foi apenas hai dous días en termos evolutivos.
Que non levemos a nosa identidade tatuada nos xens só significa que somos inclasificables para un laboratorio e só os parvos negarán a diversidade humana sobre este argumento. Porque a nosa existencia defínena circunstancias ambientais que fan imposible o noso etiquetado. Por iso se tirades de min todo o que hai de galego, humano, negro e gay non quedará nada.

Comentarios