Dos abrazos felices

Teño que confesarlles que son partidario dos finais felices. Estamos afeitos a que as palabras fermosas e os abrazos, sexan empregados como recursos de adeus, en lugar de elixilos para sinalar puntos de continuación ou de partida. 

Por certo, que necesitado estivo  Albert Rivera dun abrazo de gran calibre, cando o chan empezou a afundirse baixo os seus pes!! A forza visual dun abrazo crea impactos emocionais positivos, e ademais espalla a esperanza de que todo pode ser posible. Por iso tras as eleccións en lugar da calma, chegou esa sorpresa en formato de imaxe envolvente. E benvida que foi aínda que tardía. Hai abrazos e abrazos, pero algúns teñen o morbo engadido do onde dixen digo, digo diego. 

Pero ben está o que ben remata. Un happy end ben feito supera, con moito, calquera cento voando De aí as audiencias das películas de sobremesa das fins de semana, onde a mensaxe é poñer en valor as segundas oportunidades, así como o feito de que corrixir a tempo, leva sempre a bo porto. Tamén aprendemos que as cousas teñen que ser tratadas en primeira persoa. Iniciar pode facelo calquera, pero pechar negociacións ou acordos, ten que facelo cara a cara a parte contratante da primeira parte. 

Só así hai garantía de que non haxa malos entendidos, nin erro de transcrición algún que acabe por estragar un bo acordo. Por definición, non hai abrazo malo. Máis alá dos modelos e das múltiples variantes, o único que deberamos penalizar é o feito de que nunca se produzan. 

Nos primeiros indicios, mentres foxen as horas –díxolle El– ti sempre es a luz que arrinca e leva lonxe, o desconcerto e a dúbida... a liña branca da emoción, o corazón e a dozura... acaso a xeometría dunha illa ou unha paisaxe ampla de poemas...

Dos abrazos felices

Te puede interesar