Das distopías

A política debera ser a ferramenta para crear sociedades xustas e mellores, onde os cidadáns vexan respectados os seus dereitos e as súas liberdades. Ao longo dos séculos e dende as vagas de movementos e idearios revolucionarios, a utopía foi o destino esencial cara o que, polo menos nun horizonte de hipótese, sempre se dirixiron os obxectivos e os esforzos. 

É certo que hai moitas políticas, e moi diversas maneiras de aplicalas. Pero nas sociedades avanzadas e integradas en estruturas amplas como a Unión Europea, debera aplicarse o común denominador das ideas forza que falan do respecto, da tolerancia e da cohesión. 

É dicir, daqueles principios que crean solo e chan firme para poder convivir e desenvolverse. Pero ás veces, nos escenarios de actuación, semella que se impuxeran posturas que, xa non só renuncian á utopía, senón que semella que quixeran apostar por sociedades distópicas, desequilibradas, e distorsionadas, onde importe máis unha idea ou unha parte que todo o conxunto. 

Segregar, reducir e apostar polo uso da violencia para impoñer e facer visible un postulado, unha relixión ou un ideario, non é nin a forma nin o aval suficiente que garanta acadar estadios mellores. 

Deseñar estratexias de tensión permanente, fundamentalismos excluíntes, e saltarse as leis que nos protexen a todxs, non é a mellor maneira de convencer nin de sumar. As leis nacen da vontade popular e poden ser modificadas sempre seguindo e respectando os ordenamentos e cauces legais para facelo. Todo é posible dentro da Lei, sexa a que sexa, pero fóra da Lei vai sempre moito frío.

Dependemos de ser, ou de estar, ou de sentir –dixo El– dependemos da variabilidade das nubes e da dirección dos pensamentos altos, incluso desa luz efémera que vai quecendo as  sombras... dependemos de presentes collidos cos alfinetes dos pasados sentidos contigo...

Das distopías

Te puede interesar