O buzón do lector

Teño absoluto respecto a tódalas opinións porque entendo que isa é a base na que se ten que substentar a liberdade, incluso cando non hai un réxime político que a sosteña e a defenda. Por ista razón quero deixar ben claro que o buzón do lector que días pasados firmaba Isabel Pinaglia Alcaide merece tamén a súa consideración, se non é polo feito de estar dacordo co que di sobre a eutanasia, si polo menos por coñecer as razóns da súa argumentación. Respecto, pois, total. Mais o que me chama a atención son os tan febles argumentos que expón, xa que están moi lonxe da realidade que se plantexa. Non se trata, como di, de dar carta branca a quen quera deixar este mundo, senón de atender ás razóns humanitarias e ao sentir da persoa afectada por un estado irreversible, doloroso en moitos casos tanto física como psiquicamente, insostible en toda a abraiante inmensidade da verba e para o que non hai cura posible. 

É necesario defender, máis que nunca, as ideas. A liberdade enténdese como un constituínte global. Falamos así da liberdade dos pobos, por exemplo. Pero esa liberdade colectiva ten o seu xerme na individual, na unidade da maioría das persoas que, con ollos semellantes e espíritos críticos, desexan o ben colectivo. Rexeitar este concepto é semellante a rexeitar o que pensan os demais. Desde o punto de vista da firmante do buzón, indudablemente, quen coma ela non pensa comete un asasinato polo feito de equiparar o dereito á vida co rexeitamento á dor inmensa, á propia persoa que ve na eutanasia o fin último da súa liberdade, da súa capacidade de decidir. Capacidade ou decisión que, por certo, o único que pretende é outorgar dignidade a quen xa, sinxelamente, non pode máis. 

Poido entender que os partidos políticos fagan desta proposta unha razón máis do seu espazo de pensamento e convencemento para a sociedade, porque precisamente por esa mesma razón teñen que existir, aínda que é habitual atopar razoamentos como que a proposta para legaliza-la eutanasia só trata de aforrar custes á sanidade pública ou ao sistema de pensións. É un argumento máis –que podo respectar por principios pero nunca compartir–, pero tamén máis inmisericorde, dito sexa, ao defender o sufrimento como base e esencia dunha vida digna.

O buzón do lector

Te puede interesar