Colonialismo temporal

Nestes intres agradezo ao ceo non compartillar máis ADN cun español do que cunha mosca do viño.
E se hai algo do que estou inmensamente orgullosa, sempre o estiven e o estarei sempre é de ser galega e defender a miña terra, o meu pobo e a miña lingua por onde queira que a vida me leve.
Hoxe a carraxe me pode, se ben non é nada novo baixo o sol, cada vez aguanto peor a situación de desprezo, de colonialismo, de falta de respecto e, en definitiva, do mexar continuamente por nós mentres disque que chove, e si, chove sobre mollado.
Cando o país está a sofrer un dos temporais máis duros dos últimos anos, cando temos que falar dun morto e de feridos de diversa consideración, nos medios españois obvian as desgrazas persoais ante un Madrid que quería chegar a Vigo para resarcirse, a modo de revancha, da súa eliminación da copa do rei. Debe ser que o cambio de peinado dun dianteiro, ou un partido de fútbol dunha equipa erixida en baluarte do españolismo máis rancio. Pouco importa que a prudencia do alcalde de Vigo, ou da Coruña, suspendan un partido pola seguridade dos afecionados, o Madrid sempre terá algo que dicir, e os medios adláteres ao son que eles marquen.
O desprezo é tal, que tanto lles dá sinalar nun mapa, en plena emisión de información, Acoruña en Vigo como Vigo na Coruña, decretar unha alerta por forte oleaxe en Ourense ou chamarlle “Suyo” Ferreiro ao alcalde da Coruña.
Tanto lles ten a uns e a outros que haxa máis de 200.000 fogares galegos sen subministro eléctrico, ponlas caídas por estradas e rúas, tellas levantadas, ríos desbordados, ondas do mar campando polas rúas de cidades e vilas. Mortos ou feridos... que máis dá? total, son galegos.
Galegos ninguneados pola propia Xunta que os debía defender e proporcionarlle os medios para minimizar os danos. Pola contra, non se avisan os bombeiros para que acodan ás emerxencias, e cando en 2009, un temporal de características semellantes asolou a Galiza, os que hoxe nos desgobernan reclamaban pola incompetencia da Xunta, atribuíndolle toda responsabilidade, cando eles mesmos derrogaran o decreto de zona catastrófica e reclamaban que Touriño a declarase en vésperas da campaña electoral... Hoxe que é o que fai ese mesmo Feijoo que esixía ao bipartito en vésperas dunhas eleccións? Acaso agora non é responsable a Xunta e en última instacia el mesmo? O colonialismo e o desprezo, por desgraza, non é temporal, dura demasiado e sen que ninguén pareza mover un dedo por remedialo.

Colonialismo temporal

Te puede interesar