Weisshorn e o poderoso influxo da música

starédesvos preguntando a que vén este nome tan raro. Veredes: andei estes días por terras de Jerez de la Frontera, onde a editorial Peripecias Libros editou e presentou un libro meu, pero haberá tempo para falar diso. Aproveitei a miña estadía por aquela terra chea de adegas onde repousan excelentes viños e achegueime a unha moi peculiar na localidade de Sanlúcar de Barrameda, á chamada “Weisshorn”, onde os viños e a música teñen unha relación moi curiosa e directa. “Weisshorn” foi un barco que afundiu hai anos nesa localidade gaditana cun cargamento de arroz. Logo de denodados intentos por recuperalo non foi posible e a nave desfíxose practicamente. E ata aí pouco máis que engadir á historia deste barco coñecido na localidade como “o barco do arroz” ata que chegou unha parella de novos emprendedores e puxéronlle ese nome a súa adega. Todo normal, pensaredes, se non fose porque a música forma parte deste negocio, pois Roberto bota man dela, da “súa música”, para estimular os seus viños, brandys, whiskys e vermuts cuns altofalantes conectados a un amplificador que realza os graves colocados nas barricas onde repousan. O alambique e a música xuntos nunha arela común. As vibracións que produce a música fai que os viños envellezan segundo a elixida. Así puiden comprobar como Jethro Tull lanzaba as súas vibracións nunha pipa, mentres Pink Floyd facía o propio noutra e denantes fixérao o grupo Triana poñendo a pegada da música andalusí na alma do viño. Nunha barrica durmía un viño baixo a influenza de Warner e noutra repousaba outro coa música de Roger Wathers. A música que fai compaña ao viño mentres este repousa é a que lle gusta a este melómano artesán. Son os seus viños e así hai que velo. Roberto, o artífice deste proceso tan orixinal, falounos polo miúdo deste xeito de tratar o viño namentres nos ofrecía catas impregnadas de música. Probei un vermú feito a base de zume de granada e un pouco de “absenta”. Non sabe o mesmo que o tradicional, pero fixémonos con dúas botellas por aquilo de ver se esta peculiar bebida atopa acomodo no noso padal. Xa veremos. E xa que estamos cos viños direivos que visitamos tamén unha das grandes adegas de Jerez de la Frontera, a Sánchez Romate, onde se elabora o excelente brandy “Gran Mendoza”. Esta adega non ten visitas guiadas pero con Reyes, a etnóloga presidenta dos etnólogos andaluces, que traballa nesta adega e amiga do noso anfitrión por terras gaditanas, fixemos un percorrido por este inmenso contedor de prestixiosos caldos incardinado no mesmo centro da cidade. Catamos con moito coidadiño porque xa podedes imaxinar como rematariamos se probaramos de todo o que por alí había. Foi toda unha experiencia, abofé.

Weisshorn e o poderoso influxo da música

Te puede interesar