A voz do povo

América Latina está vivindo procesos que teñen unha incidencia mundial, e que poden marcar un antes e un despois para a rexión si se consolidan ou se prolongan no tempo. Polo que cómpre estar moi atentos a como se desenvolven. Tal é o caso da resposta política e social ao intento de golpe de estado bolsonaristas no Brasil. Todo indica que o fracaso do golpe pode debilitar a fortaleza institucional e na rúa da oposición bolsonarista ao Governo de Lula da Silva, e reducir os atrancos respecto dos cambios progresistas que este propuxo na campaña, ao que se suman os efectos exteriores por tratarse dunha potencia rexional, parte dos BRICS, etc.


Agora ben, se a este fracaso da extrema dereita brasileira sumamos a mobilización do povo peruano contra a destitución e arresto de Pedro Castillo, e sobre todo, como a protesta vai a máis, malia o medio cento de persoas mortas, as moitas feridas e detidas, atopámonos diante dunha resposta popular que vai para alén da expresión electoral e dunha acción conxuntural. O povo tomará nota, construíndo suxeitos políticos ligados e subordinados á base?... para que o proceso non termine absorbido en boa medida polo sistema, como está a suceder coa revolta dos últimos anos en Chile.


Sen dúbida estes dous casos, Brasil e Perú, son neste intre os que espertan máis expectativas, sen obviar a países como Colombia, Honduras, Bolivia... nos que se están realizando cambios a prol das maiorías, de democracias participativas. E outros como México, onde o xiro progresista está máis avanzado, porén onde existen limitacións estruturais, polo que implican as relacións cos Estados Unidos, mesmo que se fagan en pe de igualdade (se é que iso é posíbel).


Todos estes procesos, conflitos, mobilizacións, mesmo tendo características propias da rexión, están ligadas ao esgotamento da globalización neoliberal, a que o capitalismo está na súa etapa senil, daquela que medre a conflitividade, as intervencións, a incapacidade para reverter a desfeita ecolóxica, o medre da desigualdade entre nacións e clases sociais... Aínda que América Latina (AL) segue tendo un papel subalterno na cadea de valor, cada vez cobra máis forza a necesidade da unidade para construír un núcleo propio de desenvolvemento e poder, que permita tratar en pe de igualdade cos Estados Unidos, China, Rusia e outras potencias as cuestións estratéxicas. A UE, neste intre fala a través da boca de Washington, aínda que debería facelo como rexión con voz propia, isto axudaría na súas relacións coa AL no futuro.

A voz do povo

Te puede interesar