A visita do rei

Vaia por diante que estou do lado da xente que, de xeito calado ou estentoreamente, non está de acordo coa visita a Galicia, nin a outro territorio do Estado español, de Juan Carlos de Borbón, non como persoa física senón como rei emérito que segue sendo. Temos que ser conscientes de que a decisión deste señor de escoller o camiño da emigración, do exilio ou das simples vacacións permanentes na capital dos Emiratos Árabes Unidos obedeceu a unhas causas determinadas, que, na miña opinión, non mudaron de aquela a hoxe. Xa que logo, o que daquela era bo non ten porqué ser malo hoxe. Ou viceversa.


Certo tempo antes da marcha a Abu Dabi, cando nin sequera esta se albiscaba, andara por Barcelona, promocionando a súa novela De la naturaleza de los dioses, o escritor portugués António Lobo Antunes, un grande das letras universais, quen, nunha entrevista concedida a La Vanguardia (27-XI-2019), lembraba que, nos seus anos mozos, “Juan Carlos de Borbón, era tremendamente popular, muy simpático, se paseaba por las calles de Cascais y la gente le gritaba: ‘¡Juanito, Juanito!’, agradecida de verlo”. Non esquezamos que o elixido por Franco para sucedelo a título de rei e a súa familia residiron anos en Estoril, ao pé de Cascais.


Cando lin esa entrevista, quedei coa referencia, porque me chamara moito atención ese recordo do romancista lisboeta, algo máis novo que Juan Carlos. Foi o primeiro que me veu á cabeza cando vin as imaxes do recebemento que lle fixeron en Sanxenxo. E fun a ela. Tal cal. Onte como hoxe, con ao redor de setenta anos polo medio, o exmonarca segue a precisar, case como o ar que respira, deses recoñecementos públicos que, sen dúbida, non ten aló polo medio oriente.


Como sabemos, porque así no lo din os dicionarios, emérita é a persoa retirada dun emprego ou cargo que segue a gozar dalgún tipo de regalías polos seus bos servizos. Ven sendo un xubilado, denominacións estas, por certo, que semellan máis atinadas, porque o do xúbilo ou gozo despois de finalizada a idade laboral non deixa de ser un mal chiste para a inmensa maioría da xente que nos vemos nesa situación. Non é este, precisamente, o caso do emérito Juan Carlos de Borbón, que non mostrou trazas de querer xubilarse de nada. Moi indicativo, ao respecto, é ese -”¿Explicaciones de qué?”, co que respondeu á xornalista que lle preguntou se tiña pensado dalas.


Á vista deses “espectáculos” non podo coincidir, en absoluto, co manifestado polo máximo dirixente do PP. Podería admitir, con matices, que un individuo que non ten causas pendentes ten todo o dereito a visitar ou regresar a España, sempre que o fixese como simple cidadán. O que non parece de recibo é que o faga como xubilado con prebendas, isto é, case como se seguise sendo o soberano que foi. Máxime se todo o mundo sabe dos seus comportamentos presuntamente delitivos, de índole económica, ao longo de moitos anos. O feito de que algúns prescribisen e outros non se investigasen por mor da discutida, e discutible, inviolabilidade recollida no artículo 56 da Constitución.


Sobre o empurrón para o turismo e para poñer a Galicia no mapa proporcionado pola visita, que dixo o presidente Rueda, mellor calar.

A visita do rei

Te puede interesar