Os dereitos da xente deben estar protexidos e presentes na toma de decisións, sempre. De todos e de cada un dos individuos, chámese como se chame, apelídese como queira que se apelide, vista como vista e ame a quen queira amar, a un home a unha muller ou a un felino, gato ou gata. Iso si, o amor, inequivocamente, en primeiro plano, para querer, para vivir, para traballar, falar, escoitar e interpretar. O amor, como mostra de respecto á parella e aos outros.
Como di Nacho Tornel en Relacionarte “a relación de parella pode ser unha das aventuras máis gratificantes da vida”, pero hai que falar continuamente e manter conversacións densas e intensas para endurecer o cemento da unión e facela, se se quere, cada día máis sólida. O amor nisto é imprescindible, xa o contaba Leonard Cohen, “non ten cura, pero é a única cura para tódolos males”. Alá vamos!
Todos e todas teñen dereito a desfrutar do sexo e do amor nun ámbito de diversidade, sen sufrimento e sen violencia. Parece evidente que tódalas persoas poden e deben aspirar a querer e ser queridas. Tamén Telmo Irureta ten dereito a reivindicar, como fixo no seu discurso no acto de entrega dos Goya, o dereito das persoas con discapacidade a desfrutar plenamente da súa sexualidade. Que menos!
O discurso do actor galardoado xerou unha enorme controversia. Uns entenden conveniente a asistencia sexual á persoas con diversidade funcional e outros ven nesa asistencia un acto de prostitución encuberta. Agora os estudosos analizan as expresións, as intencións das expresións, o contido desa frase mesturada coas outras, o contexto xeral e o comportamento dos políticos e da sociedade en relación con este tema. Uns non paran de falar e outros non abren a boca.
Non se diga máis, aí está o tema preparado para entrar en campaña, a pesar de que dende a dirección xeral de Dereitos das Persoas con Discapacidade do Goberno non teñen nada disto en axenda, andan a outras cousas e, cando teñan tempo, farán unha reflexión profunda sobre esta proposta, pero antes queren someter a debate e desenvolver a figura do asistente persoal, o de sexual xa virá cando toque. De momento, é tema de película e non de política.
A Tía Manuela é contundente: “O Goberno ten a obriga de abordar, estudar e resolver con equidade calquera tema, por complexo que sexa”. As relacións entre a xente, entre os lugares, cidades e países deben colocarse no primeiro apartado do programa de calquera goberno, que debe adquirir a obriga de defendelas con toda a forza que sexa necesaria, coa cabeza e co corazón. Niso andan agora os partidos políticos, preparando ás súas respectivas ofertas e labrando as mensaxes dos seus líderes para acadar unha boa colleita electoral.