Ver o mar

Frío. Estes días fai moito frío. Pero, permítanme lembrarlles, á marxe do pesado que pode resultar a propaganda de nadal das grandes empresas na televisión, que obríganos – de algún xeito - a xogar a ser perfectos, que precisamente coas nosas imperfeccións, sexan felices.


Non se deixen levar pola mala educación e a crispación que pretenden “okupar” todos os estamentos da vida. Esas que ameazan con trasladarse tamén ao eido local. Sabemos que a ministra de Defensa estivo recentemente en Ferrol e foi obxecto de descortesía ou que hai malestar na Armada por pretender a súa instrumentalización, no acoso que sufre  o goberno de España. Cuestións inéditas até hai pouco.


Temos cousas máis importantes que deixarnos embarcar polos voceiros do tremendo, da fin do mundo mundial e da chegada do fogo dos infernos. Os mortais, que estamos máis cos pés na terra, temos mellores cousas que prestarlles os nosos oídos a esas persoas.


E a primeira, repítolles, é ser felices ou cando menos intentalo. Son as pequenas cousas da vida. Eses faladoiros cos amigos nos cafés, dicirlle aos nosos fillos que os queremos, por poñer dous exemplos. Xa saben o que di ese vídeo promocional do comercio de proximidade: desde aquí podemos ver o mar.

Ver o mar

Te puede interesar