A unidade pola base

Coido que a converxencia de loitas, mantendo cada unha as súas reivindicacións e sen rachar a dinámica de cada conflito, apórtalle a cada unha destas accións de protesta un maior impacto, dado que a participación nas mobilizacións é moito máis numerosa. Porén, ademais, reforza na conciencia colectiva tanto a existencia e fortaleza da clase traballadora como o valor da súa unidade. Neste aspecto coido que son un exemplo as manifestacións realizadas conxuntamente nas últimas semanas na comarca polos traballadores/as de empresas como Navantia de Ferrol, Lidl de Narón e GT Motive de Pontedeume.


A este respecto dicía a central sindical nacionalista CIG na súa paxina web: “o persoal destas tres empresas leva meses en conflito e nesta xornada confluíron nun exemplo de unidade e forza da loita obreira. Aínda que cada colectivo tiña súa propia mobilización convocada e con saída nun punto diferente (...) os traballadores e traballadoras confluíron no Polígono das Gándaras de onde saíron en manifestación”. A reivindicación nos tres casos está centrada nos salarios, pola perda do poder adquisitivo nos últimos dous anos. En Lidl levan preto de 90 días de folga, GT Motive inicia unha o día 22 de maio, e Navantia leva meses mobilizándose e suma ás reclamacións no convenio investimentos no estaleiro.


Esta é unha dinámica que se debería repetir moito máis, en todos aqueles conflitos que coincidan no tempo, especialmente no ámbito comarcal, mais non en exclusiva. Resulta evidente de que non pode ser unha converxencia artificial, xa que nunca debe debilitar a centralidade e desvirtuar especificidade de cada conflito. Tampouco substituír as mobilizacións concretas por aquelas nas que os temas da convocatoria abranguen á toda a clase, como poden ser: unha reforma laboral regresiva, o relativo ás pensións e á dependencia, prestacións ao desemprego, SMI, servizos públicos esenciais, etc... e outros que teñen un carácter social, económico, ecolóxico, democrático... ou problemáticas que suman a outras clases sociais.


Esta unidade de conflitos de base na clase obreira ten ademais a capacidade, diante daquelas posturas derrotistas, de confrontalas coas reclamacións nas empresas, e/ou sectores en ámbitos da base moito máis amplos e polo tanto con reclamacións sindicais e políticas difíciles de rexeitar. Daquela a escusa, que se utiliza por algunhas centrais, da debilidade da clase fronte á patronal choca  coa evidencia da multiplicación da forza reivindicativa e do aumento da repercusión social nas accións conxuntas.  

 

A unidade pola base

Te puede interesar