Unha UE con obxectivos comúns

 O reaxer da clase traballadora contra a precariedade e os baixos salarios vaise estendendo progresivamente na Unión Europea e tamén no Reino Unido. Para alén do Brexit os británicos comparten dende hai décadas o mesmo papel subimperialista que as potencias que integran hoxe a UE. Daquela que os síntomas da crise que lles afecta no aspecto económico, social e político sexa moi semellante, porque no esencial apostaron pola globalización neoliberal, co que implica de concentración e centralización da riqueza e do poder. 


A primeira gran mobilización fíxose o 3 de setembro en Praga, na República Checa, con máis de 75 mil persoas nas rúas, á que lle seguiron outras. As protestas estendéronse axiña coa mesma intensidade a Alemaña, Reino Unido, Italia, Portugal... tendo como reivindicación fundamental a recuperación do poder adquisitivo dos salarios erosionado pola inflación. En non poucas destas manifestacións nos países da UE está reclamación vai unida á paz na Ucraína e a que se termine coas sancións a Rusia. Así foi na última manifestación en Praga, o pasado 28 de outubro onde se esixiu: “a dimisión do Governo, unha política militar neutral que deixe de apoiar a Ucraína e negociar con Moscova a merca de gas natural”.


Mais, sen dúbida até agora é Francia o país que esta á vangarda da loita pola recuperación dos salarios. O 18 de outubro realizouse unha folga xeral, convocada por centrais sindicais, organizacións de estudantes e da mocidade. O paro tivo unha forte incidencia no ensino, os ferrocarrís, a industria química e aeronáutica, as garderías, a sanidade e as residencias de maiores, Ese día 300.000 persoas participaron nas manifestacións realizadas en 150 cidades e vilas. Dous días antes 140.000 mobilizáronse en París. 


O precedente das protestas en Francia está na xornada de folga nacional do 29 de setembro a prol dun salario mínimo de 2.000 euros brutos, aumentos nos convenios en función da inflación, restituír a escala móbil de salarios e pensións (ou sexa ligada á inflación), e igualdade retributiva para homes e mulleres. En fin reivindicacións que son comúns ao resto da clase traballadora na UE, e que están presentes nas plataformas reivindicativas dos convenios na Galiza. Accións de protesta que cada día que pasa van a máis diante do aumento alarmante da pobreza extrema e das familias que non dan chegado a final de mes, mesmo contando con ingresos salariais ou pensións. A cobiza nos negocios e o militarismo fragmentaron a UE, as reclamacións laborais e sociais danlle obxectivos en común.

Unha UE con obxectivos comúns

Te puede interesar