Unha riada de xente protestando

O pasado domingo entre 25 mil e 50 mil persoas, segundo as fontes sexan da policía local ou dos organizadores da manifestación, encheron a praza do Obradoiro en Compostela. Un gran éxito de asistencia, que reflicte o estado de ánimo da sociedade galega. Hai dúas décadas que non sucedía algo semellante, a razón para que así fose é o deterioro dun servizo tan esencial como a sanidade, así como a amplitude de forzas que fixeron a convocatoria (partidos da oposición, organizacións sociais, sindicais,...).  
 

Sen dúbida, tanto a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) como esta importante manifestación son un chamado de atención ás políticas negativas do PP na Xunta de Galiza en relación con este tema, máxime cando quere dar por solucionado a falta de medios con parches e un relato optimista. Será para gañar tempo e frear a contestación social, polas eleccións municipais tan próximas e continuar favorecendo ao sector privado?... Segundo SOS Sanidade Pública a falta de recursos: “está a provocar que a povoación teña gravísimas dificultades para acceder aos médicos e médicas de familia, porque a maior parte das consultas son telefónicas, en lugar de presenciais, ou que teñen que agardar máis dunha semana, nalgunhas localidades máis, para poder ser atendidos e para recibir unha chamada dos centros de saúde para saber que lle pasa”. 
 

Esta mobilización masiva precede o debate que se dará no Parlamento Galego para aceptar ou non unha ILP da plataforma SOS Sanidade Pública, que conta co aval de 50 mil sinaturas. A Iniciativa Lexislativa recolle demandas como a consulta presencial e os cadros de persoal acaidos para atender as necesidades da povoación, cun incremento do número de efectivos de persoal médico, de enfermería e do resto dos corpos que traballan nos centros de saúde. Isto xunto coa incorporación dunha serie de profesionais, que agora mesmo non están no sistema mais que son necesarios, como psicólogos/as, fisioterapeutas, logopedas, traballadoras e traballadores sociais... 
 

O éxito desta convocatoria non se pode illar do aumento do número de folgas e manifestacións no ámbito laboral no marco das reclamacións contra peches, redución de persoal, ou a procura de mellorar e recuperar salarios, que perderon moito poder adquisitivo pola inflación (mentres se dá unha forte concentración da riqueza). Ao que se debe sumar o aumento dos xuros bancarios, que multiplica o que se paga polos aforros, así como o crecemento dos gastos militares, e a discriminación en materia de infraestruturas... Todo ten un límite. 

Unha riada de xente protestando

Te puede interesar