Dun tempo a esta parte, cando a primavera prepara o asentamento do verán, resulta moi agradable observar o achegamento dunha peza que vén complementar as cores dunha imaxe idílica da miña vila pasando a formar parte dos motivos ornamentais dunha paisaxe que vai cambiando segundo vanse movendo os elementos, como este símbolo mariñeiro que parece saído dun conto infantil e podería representar a imaxe onírica das nosas aventuras de cando eramos nenos e imaxinabamos navegar nun barco así. Trátase do veleiro “Princes Mia” do que xa creo vos falei noutra ocasión, un barco de 16 metros e eslora e cinco de manga que non pasa desapercibido e manda o holandés Mártinjn, o seu capitán, único mariñeiro e tripulante, todo un personaxe que merece a miña admiración e respecto. Coidar, manter a punto e navegar só nun barco coma este ten un mérito incríbel que moita xente non chega a valorar na súa xusta medida.
Pero o caso é que Mártinjn nesta súa estadía connosco fixo un amigo co que compartiu próxima relación, nada máis e nada menos que “Manoliño” o noso delfín que tamén pasou a formar parte da nosa paisaxe. Teño un vídeo onde se ve nadando a carón da gamela auxiliar do “Princes mia”, sacando a súa cabeza fora da auga e as vece tirando do cabo da embarcación como querendo axudar ao seu amigo. Nos anos que leva Mártinjn como navegante solitario seguro que ten un feixe de experiencias relacionadas co mundo do mar pero a bo seguro que esta, a do trato co “Manoliño”, deixaría nel unha fonda pegada pois o delfín achegábase a visitalo case todos os días. O caso é que as relacións duran o que duran porque as circunstancias impoñen a súa lei e chegou o intre en que Mártinjn tivo que levantar áncora, logo de poñer todo a punto abordo, e dirixir a proa do seu “Princes mia” cara ao mar aberto deixando a estribor o castelo de “San Felipe” e o da “Palma” a babor para poñer rumbo polos infindos camiños do inmenso e proceloso mar. Vino a véspera da súa partida poñendo todo a punto, e aínda non despuntara a alba, desapareceu sen despedirse levándose con el esa parte esencial e inseparable da súa vida mariñeira: o “Princes mia”. Creo que vai rumbo a Inglaterra navegando pola marxe occidental do Golfo de Vizcaya.
Os navegantes solitarios, os que viven no seu barco perante moito tempo, soen seren moi reservados así que non van contando por aí detalles das súas singraduras. Mártinjn malia non relacionarse moito, atópase cómodo cada vez que recala en Mugardos, así que non é estraño vaticinar que verémolo de novo por aquí no seu barco cheo de cores. Que os ventos sexan propicios!