Ulo a democracia?

Resulta evidente que o Governo central toma decisións sobre temas fundamentais, como poden ser a defensa e as relacións exteriores, sen debatelas previamente no Parlamento. Se cadra pode ser legal, porén o certo é que canea a participación social, fundamental nunha democracia, en temas importantes que condicionan o futuro nunha conxuntura complexa e decisiva. E resulta totalmente contraditorio en partidos que logo se gaban de dar leccións de dereitos e prácticas de esquerda. Máxime cando a Presidencia é elixida polo Parlamento.
 

Chama a atención a normalidade coa ques e toman estas medidas ao marxe do Parlamento, porén neste caso destacan polo que implican politicamente, polas tensións entre países e a guerra no marco europeo, e o vivos que están na sociedade cando menos dous temas das últimas semanas. O primeiro, a decisión de negar o dereito á autodeterminación do povo saharauí, recoñecendo que forma parte de Marrocos, pasando por alto que ocupou este territorio pola forza, aínda que se maquille coa proposta da concesión dunha autonomía. Ademais implica rexeitar a postura das Nacións Unidas sobre o tema e, non menos grave, facelo escenificando esta aceptación como “un paso realista para normalizar as relacións con Rabat”. O segundo, a aposta pola guerra contra Rusia na Ucraína, o reforzamento do gasto en defensa (en plena crise) e a ampliación  da presenza militar norteamericana no Estado español.
 

A guerra Ucraína é un salto cualitativo negativo, mais non se pode ignorar que Kiev non cumpriu os acordos de Minsk, a concesión da autonomía ao Dombas, continuando cos bombardeos que causaron 14.000 mortes de 2014 até a invasión rusa. Tampouco que, aínda que non existise unha declaración formal, como a que se acaba de tomar no Cumio da OTAN en Madrid, a incorporación real, aínda que non sexa oficial, da Ucraína a esta alianza militar completa o cerco a Rusia.
 

Se non fose por estas accións a paz sería posíbel. Abondaría cun acordo da OTAN garantindo un territorio sen armas ofensivas a ambos lados das fronteiras de Rusia e dos países europeos que integran a alianza e realizar un referendo no Dombas para que o povo decida seu futuro. Mais as resolucións acordadas en Madrid, co apoio de Executivo español, apostan pola forza. E, o máis grave é que tanto no contido como nas formas son un paso no camiño equivocado. Tanto porque alentan a vía da forza, en lugar do dialogo, polas consecuencias socio-económicas e políticas, e porque a postura non foi debatida no Parlamento, nen consultada nun referendo, dado a súa transcendencia.

Ulo a democracia?

Te puede interesar