As cousas non van ven para Unión Europea; aínda que viña de antes, e trátase dunha situación que se consolidou coa guerra na Ucraína. En termos económicos destaca que o PIB está conxelado ou con crecementos mínimos, especialmente nas súas dúas locomotoras, Alemaña e Francia. Así mesmo resulta evidente que se perdeu capacidade competitiva (por un custe da enerxía máis alto), a caída do sector industrial e das exportacións, polos cativos avances en tecnolóxica e innovacións, e unha actitude belixerante co principal socio comercial: China.
Ademais, o rol desempeñado no plano internacional reflexa a incapacidade de dobregar a Rusia na guerra na Ucraína, o que dá forza en materia de soberanía aos países que tiñan un papel subalterno na cadea de valor, así como ás potencias emerxentes: E, o máis grave, aumenta a dependencia da UE respecto dos Estados Unidos, un papel secundario, por debaixo da dinámica de aliados e un rol subimperialista que viña cumprindo con anterioridade. Daquela, as constantes declaracións contraditorias, non só dentro da Comisión Europea senón tamén entre os presidentes/as (ou primeiros/as ministras) dos países que integran a Unión. En resumo: resulta evidente o fracaso da folla de ruta actual e a falta dun proxecto alternativo, que sexa asumido por todos os países membros e, esencialmente, que conte co respaldo da sociedade. Un plan que teña en consideración a capacidade económica e militar real da Federación Rusa, e moi especialmente de China, o ascenso de novas potencias rexionais (Iran, Turquía, Arabia Saudí, India, Paquistán, Brasil, México, etc) e coa actitude cada vez menos subordinada de moitas nacións que até hoxe xogaban un papel dependente e secundario.