Esta semana temos un par de convocatorias no Teatro Jofre. O ferrolán Javier Gutiérrez regresa a casa cunha nova obra teatral: “El Traje”. Obra escrita e dirixida por Juan Cavestany, e onde comparte escenario con Luis Bermejo. Só dous actores, pero capaces de abrir todo un mundo para a nosa imaxinación. Din as críticas que é un xogo de humor negro, case un thriller contra o consumismo feroz, a tolemia, a corrupción, a soidade e outros problemas da sociedade actual. Pero, tamén intriga e comicidade.
Un orgullo para Ferrol por ter a un dos nosos, como Gutiérrez, sobre a táboas do Teatro Jofre. Un orgullo por quen é un habitual e que podes atopar na rúa ou en calquera café ou restaurante da nosa cidade, que presume dela polo mundo adiante. Saber que hai xente, que co seu esforzo abre camiños para unha cultura, que aporta unha visión crítica e sacude a nosa zona de confort. De quen é un dos grandes actores deste país por méritos propios.
Son de aqueles que ten fe cega no poder sanador e emancipador da palabra. Aquí convertida en obra teatral, pero moi necesaria neste tempo, cando algúns, queren impoñer o pensamento único e volver -nunca mellor dito- aos tempos de aqueles traxes que buscaban comprar vontades.