A tendencia dominante

Hai na Galiza persoas e empresas que mesmo nesta situación de crise vailles ben, mais do que se trata ao facer unha caracterización da situación é analizar a tendencia dominante. E neste aspecto nas valoracións xerais tanto durante as últimas décadas como as perspectivas de futuro non son positivas para a nación galega, como amosa a caída da natalidade, a emigración, e que a demografía só se manteña conxelada pola inmigración de man de obra que chega da países con condicións económicas e sociais máis precarias. En termos demográficos se facemos unha comparanza co resto do Estado, ou sexa cun marco dominante, nas últimas catro décadas temos que en xullo de 1982 a povoación da Galiza era o 7,42% do total (2.813 mil habitantes) e neste ano só atinxe o 5,65%, 120.000 persoas menos mentres que o EE gañaba perto de dez millóns de habitantes. 
 

A tendencia regresiva é evidente e ren indica que se vaia a reverter cos fondos Next Generation e outras achegas e prestamos europeos, xa que malia os proxectos son moitos, nalgúns en sectores tan importantes como o automóbil e a transformación da madeira, as axudas anunciadas son mínimas ou están no aire. O único sector no que existe unha aposta firme é o eólico, especialmente o mariño, o que de non ir acompañado pola súa utilización na produción industrial, fortalecería o papel de exportadores de enerxía das derradeiras décadas, cun resultado negativo, xa que aumentou o papel subalterno do país galego e o rol secundario na cadea de valor.
 

Este papel subordinado, periférico, malia as nosas potencialidades, reflíctese tamén nas relacións con outros estados. Por exemplo, a maior parte das empresas máis dinámicas pertencen hoxe a grupos empresarias foráneos, co que iso implica de dependencia na investigación e no grao de compromiso de continuidade do centro de traballo nunha crise. Outro aspecto que non se pode obviar é que ademais de exportar man de obra cualificada, co que iso significa na perda de recursos (en formación e actividade laboral), temos que sumar o investimento no exterior que todos os anos multiplica varias veces o que se realiza no país. Concretamente en 2020 recibimos investimentos por 80,4 millóns e marchouse capital ao exterior por 1.846 millóns de euros (nestes datos non se inclúe o resto do Estado español). Pola contra con Portugal dáse un saldo positivo para Galiza, tanto no eido comercial como de investimento, co que isto implica en desenvolvemento e xeración de emprego. As principais regras de xogo son negativas pra Galiza. Hai que cambiar o sistema!!!

A tendencia dominante

Te puede interesar