O tacticismo afástanos das solucións

O peche de empresas ou a redución de persoal na industria na Galiza, tal como se comproba moi especialmente na comarca de Ferrol, tanto pola dinámica regresiva da economía como pola caída do emprego, son unha cuestión esencial. Os datos abraian: perdéronse uns 35.000 postos de traballo nos últimos 13 anos, 1 de cada 5 empregos na industria galega como destacaba a CIG na manifestación que realizou o pasado martes en Compostela, para denunciar o problema e pedir medidas efectivas alternativas que rematen con esta tendencia liquidadora.


Promesas non faltaron estes anos, e vólvense a repetir agora, convertendo os fundos Next Generation na solución a todos os atrancos e eivas. Téñense anunciado algúns proxectos de envergadura máis sen concrecións, que é o realmente importante. Serán só espellismos? Sen dúbida é unha boa estratexia se do que se trata é de desmobilizar, máxime cando unha parte do sindicalismo hai tempo que se apuntou ao derrotismo, ao tacticismo da resposta en último extremo. En igual actitude está a Xunta dende hai unha década, máis preocupada por tirar rédito do clientelismo na xestión, que de aproveitar as potencialidades xeográficas e humanas da Galiza. E así nos vai, confrontación escenificada e repetir o papel na cadea de valor.


Por se non abondase semella que se utiliza a guerra de Rusia e a Ucraína (+OTAN), e toda a súa gravidade (alentada?...), para tapar estas problemáticas. E mesmo sucede con outros temas sobre os que hai capacidade directa de incidir como garantir a autodeterminación do Sáhara occidental, investir na atención primaria, atender a protesta dos mexilloeiros...


Daquela que se manteña a regresión da actividade industrial, afectando sectores estratéxicos como o aluminio, a enerxía térmica, e o naval (a construción das fragatas dará empurre abondo ao sector tendo en conta as posíbeis dificultades na construción civil? Farase todo o proceso?). Mesmo pecharon empresas adicadas á construción de eólicas, malia considerarse a enerxía do futuro. O traslado de empresas como Vestas e Gamesa amosa que non sempre é así. Outro tanto podería suceder co sector do automóbil en pleno proceso de reconversión senón se consigue a fábrica de baterías e garantías de aceso a microchips.


O Governo non concreta cal vai ser o reparto dos custes e dos beneficios entre territorios e clases sociais dos fondos europeos e das novas medidas como consecuencia das sancións. Por exemplo: quen vai pagar o aumento da inflación? Serán máis unha vez os salarios, ou por fin aumentará presión fiscal para os que máis gañan.

O tacticismo afástanos das solucións

Te puede interesar