Soñar expertos

Rematou o soño. Non puido ser. Unha vez máis o diaño aliñouse cos rivais e rachou a serie de vitorias do noso Rácing na Malata. Agora toca seguir loitando pola permanencia na segunda categoría do fútbol nacional, que parece ser o asentamento propio do noso equipo. 


E os afeccionados máis recalcitrantes, que moderen as súas aspiracións e que non pensen en maiores fazañas, non sexa que os “deuses” nos fagan algunha “xogada” para baixarnos os fumes. 


Porque cada vez que intentamos asomar a cabeza para cousas maiores, algo ou alguén se encarga de volvernos á realidade. Porque está escrito que “o que naceu para ochavo, nunca chegará a cuarto”. 


Non é a primeira vez que quixemos ser campións de copa, nin é a primeira vez que quixemos subir a primeira. En ambas as dúas ocasións, algo estraño interpúxose de forma extra deportiva: Fallos incribles dun porteiro extraordinario ou retirada de varios xogadores cedidos, que eran clave para o equipo. Pero iso xa pasou e non ten amaño. Como tampouco ten amaño a eliminatoria nesta ocasión, despois de deixar ben claro que o Sevilla só non podía con nós. 


Aí queda a miña denuncia e o que queira collela que a colla. Falado queda.

Soñar expertos

Te puede interesar