Semella que o debate dos impostos non esperta demasiadas inquietudes entre a cidadanía “de a pé”, pois que case todos estamos convencidos de que, os que “de verdade mandan”, seguirán facendo o que lles convén. Mais sempre pode haber unha esperanza de que algunha vez lles toque “aos outros” aportar “para os trabucos”, como diría aquel velliño de Curros. Neste tema, o que parece claro é que, certos políticos están a tentar darlle a volta ás matemáticas, para demostrar que con menos se pode facer máis, baixando os impostos. Seica pensan que, a baixada permitirá maior gasto para os que viven dun soldo máis ou menos escaso, sen pensar naqueles que, por non ter, non teñen nin impostos. Pola outra parte - non quero dicir “banda” para que non se interprete mal – seica o representante da patronal censura a idea de aumentar os impostos aos que máis teñen, en claro contraste coa actitude daqueles empresarios de USA, que pediron ao goberno americano aumentar a súa contribución económica. Xa que logo, ou os empresarios americanos tolearon, ou os españois son listos de máis. Quen sabe? Eu xa non entendo nada. E vostedes?