APara Duarte, nos seus días
ntonte, venres, fixen unha rápida viaxe a Braga, con saída a media mañá e regreso algo pasada a medianoite. Fun só. Como sigo desfrutando de conducir, vexo ben, teño un bo auto, levo boa música..., os ao redor de 500 kilómetros fixéronseme pouco máis que un paseo. Unha parada para un café na área de San Simón á ida, e outra para miccionar -a cafetaría xa cerrara-, no mesmo lugar, á volta e sen problema ningún. Ao entrar na casa lembrei a columna “El más viejo”, de Manuel Vicent, aparecida en El País do pasado domingo. Recoméndollela.
Atopei unha Braga ben engalanada con motivos da semana santa, celebración á que lle dan bastante bombo, como xa tivera ocasión de comprobar hai seis anos cando morei alí tres meses coincidindo coa primavera. Mais estoutro día descubrín algunhas cousas que descoñecía.
Dando un paseo pola céntrica rúa do Souto -a máis comercial-, que arranca do arco da Porta Nova e nos leva á praza da República, batín, no largo do Paço -onde se atopa o edificio da reitoría da Universidade do Minho-, cunha exposición de paneis ao ar libre dedicada á Semana Santa.
Vou facer un inciso. Para nós ese espazo sería unha praza, unha praza pequena, xa que non temos o vocábulo “largo” con esa acepción. Os portugueses utilizan para se referir aos espazos que nós chamamos praza, tres termos: “largo”, “terreiro” e “praza”. Debo manifestar que despois de ducias de anos en contacto co portugués aínda non conseguín aclararme de todo sobre o uso de cada un deles. Sen ir máis lonxe, un dos espazos máis visitados en Lisboa é o denominado “Terreiro do Paço” ou “Praça do Comércio”. É terreiro? É praza? Se me deixase levar pola definición de “largo” como unha área urbana espaciosa na confluencia de rúas, que figura nos diccionarios, nunca lle chamaría “largo” ao do Paço bracarense, xa que non é área realmente espaciosa nin está en confluencia de rúas. Mais chámase así e aquí deixo o inciso.
Cando nunha primeira ollada vin que na exposición fotográfica había paneis con imaxes de celebracións da Semana Santa de vilas ou cidades españolas busquei un panel dedicado a Ferrol. Non achei tal. Viveiro é a única localidade galega presente. Sorprendeume. Fun ler o panel informativo e nel entereime de que a exposición está organizada pola “Rede Europeia da Celebrações da Semana Santa e da Páscoa (RECESSAP) e o que pretende é por de manifesto a riqueza -con diferenzas e puntos en común- dese patrimonio e desas tradicións, que se pretende mostrar nas fotografías que refliten algunhas das principais celebracións da Semana Santa nas 18 localidades que integran esa rede. Dez, son andaluzas (Baena, Carmona, Lucena, Utrera, Cabra, Osuna, Écija, Puente Genil, Priego de Córdoba e Alcalá la Real), dúas sicilianas (Caltanissetta e Palermo), unha murciana (Lorca), unha valenciana (Orihuela), unha galega (Viveiro), unha maltesa (Birgu), unha eslovena (Skofja Loka) e unha portuguesa (Braga).
De semanas santas, a verdade, é que pouco ou nada entendo, mais penso que, se cadra, Ferrol debería estar aí como vía promocional.