Reforma, atrapados no axuste

Malia os atrancos para acadar unha maioría, ao final o Parlamento aprobou o Decreto Lei da reforma laboral do PSOE-UP, que no esencial, para alén dalgunhas melloras, mantén as bases dun modelo de relacións laborais que coloca á clase traballadora nunha situación de desvantaxe diante da patronal, daquela que esta esixise que non se modifique nen unha coma na tramitación. Até a presidenta da Comisión Europea felicitou a Sánchez no que considera un paso adiante no modelo de relacións laborais que necesita a UE.


Sen dúbida axuda a que o Governo presente este decreto como un avance progresista o aval do sindicalismo sistémico e a pasividade que amosou perante a negociación, e o feito de que a dereita (o PP) e a estrema dereita (VOX) se opoñan taxativamente ás modificacións da reforma laboral vixente. Todo amosa que o fan para manter un discurso diferenciado con todas as políticas do Governo, mesmo a costa de afastarse da postura da CEOE, xa que lles está a dar resultado nas enquisas. Tampouco se pode obviar que ademais fortaleceu á capacidade da patronal para impoñer criterios, se lle sumamos as presións de Bruxelas. Ao que se engade a aceptación do modelo polo PSOE, e a debilidade de UP, temos a radiografía do contexto. Esta situación e correlación de forzas pódese repetir noutros temas esenciais.


O soberanismo opúxose, agás o PdCat (pola súa conexión coa patronal catalá?). Votaron non o PNV e Bildu, ERC, Junts, a CUP, e o BNG, por motivos totalmente opostos aos da dereita neoliberal. O BNG sinala ao respecto, que ademais de se incumprir o compromiso da derrogación, o decreto consolida: as facilidades para o despedimento e o seu abaratamento; a eliminación da autorización administrativa previa para os ERE; a prevalencia dos convenios de sector estatais sobre os provinciais e galegos; a eliminación dos salarios de tramitación nos despedimentos improcedentes; a facultade das empresas para modificar as condicións de traballo e a mobilidade xeográfica; reparto irregular da xornada ate nun 10%; etc.


Esta reforma pretendese presentar como un salto adiante pola recuperación da ultractividade (gañada en moitos xuízos), polas modificacións na contratación, e que en materia salarial se prime o convenio de sector sobor o de empresa. Son cambios limitados, que manteñen no esencial o modelo neoliberal e, o máis preocupante, dan prioridade á pasividade do movemento obreiro fronte á participación e mobilización. Que o marco de antes da crise de 2009 sexa máis avanzado co actual o di todo. O “progresismo” está atrapado no axuste.

Reforma, atrapados no axuste

Te puede interesar