Recordando a Afonso Mendes

XXullo do 2019 foi un mes duro. A morte dun amigo, e para máis se este é novo, non pode dar para menos. E aínda, por riba, se a morte chega de repente, cando ninguén a agarda e do xeito máis extraño. Porque raro é morrer nun mar cálido, á beira da area, sendo mozo e sen padecer mal ningún, sen estar en risco de nada. Así, por eses inexplicables caprichos da vida, é como morreu o benquerido Afonso. Lonxe da casa, mais na Grecia da que tanto gustaba. Supoño -nunca o falamos- que gozaría coa lectura de “La isla a mediodía”, ese conto de Cortázar que a min, desde hai 50 anos, me fascina.


Hai uns días, sen outro motivo que non fose o de ter que ir adiándoa por diferentes razóns -ou iso me pareceu entender na presentación do acto-, o Centro social ‘Gomes Gaioso’ rendeu unha cálida e merecida homenaxe ao Afonso, pois non hai que esquecer que foi un dos seus fundadores e unha das persoas que máis traballou na súa actividade, iniciada hai máis de tres lustros.


A bonomía que caracterizaba o Afonso fixo que o local social do Gaioso -sito na moi coruñesa e popular zona das Atochas Monte Alto- se fixese insuficiente para acoller  o número de persoas, de diversas idades e condicións, que alí nos congregamos, tanto que algunhas tiveron que seguir as intervencións desde a rúa. E abofé, eu cando menos non o percibín, que alí non había ninguén levado por ese postureo tan común en actos deste tipo. Toda a xente estaba porque quería estar, non porque entendese que, polo que for, había que estar.


Acto simple, de duración axustada e intervencións concretas desde diferentes ópticas: Patri, a compañeira moi amada -cónstame ben-; Fernando Pereira, compañeiro de mil e unha conversas interminables no local social; Mauricio Castro, camarada na vida e en moitas empresas de carácter socio-político-cultural e Yolanda Castaño, boa amiga, seino polas dúas partes. Pechou o acto Ses, tamén boa amiga desde os tempos de compañeirismo na Facultade de Filoloxía na Zapateira, anos que compartín con eles, ademais de nas aulas, como o seu profesor que era, noutros ámbitos.


De feito, o meu trato amical con Afonso Mendes, iniciouse ao termo dunha manifestación de protesta contra calquera -houbo tantas!- das perniciosas medidas educativas, tomadas por calquera administración, que acabara día na praza de Ourense coruñesa, diante da Delegación do Goberno. Atopeino por alí, na compaña de Diego Bernal e Manolo Dans, compañeiros de aulas e, como aínda era cedo para xantar, decidimos ir tomar algo.


Fumos á Traída -taberna infelizmente desparecida, que eu frecuentaba- tomar unhas cuncas dun ribeiro, daqueles de bocoi que se deixaba beber, e ao redor do viño surxiu unha moi boa amizade que se estendeu no tempo, ata hoxe. En lembranza daquel feliz encontro tabernario decidimos crear o colectivo “A Traída”, co que asinamos algún traballo de investigación literaria que publicamos, mesmo no Boletín da RAG. Foi grande a relación -Alonso Montero- con quen coincidiron unhas cantas veces, referíase cariñosamente a eles como “Os tres de sempre”- tanto mentres foron estudantes como despois de licenciaren: fixemos xantares periódicos, viaxes a Portugal... e aí seguimos, se ben coincidimos en que xa non é o mesmo sen Afonso.


Por iso quixen estar no acto da rúa Marconi.

 

Recordando a Afonso Mendes

Te puede interesar