A raiña morreu: viva o rei !!

Isto soen proclamaren aqueles que desexan ferventemente a continuidade da monarquía, unha institución cuxa xefatura vaise herdando seguindo unha liña sucesoria marcada que non repara en considerar se quen  sucede está capacitado para suceder, praxes que é inamovíbel e que prevaleceu cos resultados na historia que todos coñecemos.


Morreu a imaxe icónica de todas as monarquías do mundo, unha muller que levou sobre a súa cabeza unha coroa por algo máis de setenta anos, que xa son anos, todo ese tempo non só soportando o seu peso, xa que entre outras cousas era tamén a máxima representación da igrexa anglicana, algo así coma o papa pero en feminino. Esa posición rexia que lle veu dada por herdanza familiar levouna a ser unha das fortunas máis grandes do mundo, senón a que máis,  e sobre a que non é necesario abondar. Os reis e raíñas están para iso.


Todos os fastos que se organizaron  logo do seu falecemento a algúns lles parecerán normais, pero a min  que non son monárquico  antóllanseme francamente excesivos, irreais, innecesarios. Claro que os ingleses son mestres niso das representacións  teatrais  e abofé que montaron coa morte desta señora unha posta en escena realmente espectacular, representación que non rematará ata que lle dean ao corpo da defunta  anglicana sepultura.


Non sei se en países coma Australia, India, Nova Zelanda, etc,  onde andou pisando a bota imperialista británica, farán algo ao respecto. Creo que non. Pero España, ou mellor dito, esa “señora da que vostede me fala” á sazón presidenta da comunidade de Madrid, capital do noso Reino, vai e decreta así como non quer a cousa tres días de loito para que os cidadáns e residentes en Madrid teñan tempo para reflexionaren sobre todo o ben que lle fixo esta señora a España en xeral e a Madrid en particular, deixando aparte esa rocha chamada Xibraltar, un lunar inglés no noso territorio,  unha cousa menor, unha bagatela, vaia .


O seu fillo, Carlos III, acada o seu primeiro emprego en serio aos anos nos que o resto dos mortais en idade laboral están xubilados, case perdida a esperanza de acceder ao trono pois aos seus setenta e catro anos non deixou de ser o eterno aspirante a rei e a vivir como tal. Non lle foi mal tampouco  como príncipe.


Dende o respecto na discrepancia non deixo de pensar no anacrónico duna institución na que se impón un “rei que reina pero non goberna”: entón para que? Se moita xente cre, como parece ser, nesta institución, pois o dito, respecto dende o disentimento,  pero comigo que non conten.

A raiña morreu: viva o rei !!

Te puede interesar