Rafael Pillado, un home necesario

Rafael Pillado foi un camarada no amplo sentido da palabra: adquiriu un compromiso con todos os compañeiros e compañeiras, un incansable loitador, un ser humano cunha bonhomía fóra de toda dúbida. Sen xente coma el camiñariamos máis lentos pola senda que nos levaba cara á consecución dos dereitos máis fundamentais polos que houbo que loitar. Hai un ano que xa non está connosco, pero quédanos o seu legado sustentado pola coherencia e dignidade, algo que tanto se bota de menos neste tempo no que os intereses partidistas e individuais priman sobre os da cidadanía. Rafael foi un referente na loita obreira en tempos nos que estar aí supuña un perigo engadido polo compromiso adquirido. Foi unha luz que sinalaba o camiño ás reivindicacións dos traballadores, ao principio dende a súa militancia dende moi novo no PCE, onde se forneceron as súas liñas de actuación.


Lembro, nos nosos encontros, a seguridade coa que falaba do seu traballo a prol da clase obreira no convencemento de que sen a unión dos traballadores pouco se podía acadar. E loitou coa palabra, outrora na clandestinidade e arestora na democracia crendo que ese era o camiño, sabedor de que a liberdade e os dereitos da xente non xorden por xeración espontánea, que non nos veñen dados senón que hai que loitar por eles.


Agora que estou a lembrar a Rafael Pillado vénme á memoria outro loitador nato, paisano meu, que foi Paco Filgueiras, ao que Rafael admiraba. Eles, xunto a outros compañeiros, foron persoas necesarias, desas que fan que as cousas cambien para melloraren. Ninguén pode cualificarse de imprescindible, Rafael tampouco o era, pero do que si estou seguro é de que o meu amigo era unha persoa necesaria.


Foi socio fundador da asociación Fuco Buxán, plataforma dende onde a cultura é vista como unha necesidade, unha ferramenta para acadar un fin, un fin que abofé xustifica o medio, na crenza de que un pobo culto é menos manipulable. Fuco Buxán foi para Rafael Pillado unha aposta polo futuro da esquerda. Celso Emilio Ferreiro dou nome a esta asociación co poema “Carta a Fuco Buxán”, no que o poeta lle pide a Fuco que non esqueza o norte e remata con estes versos: “Mentres o tempo da patria non chega/ Mentres non pasa o tempo que denigra/ deixa ese escuro afán que te atafega/ Fuco Buxán, emigra!”.


Pero Rafael non seguiu a recomendación, a suxestión que Celso Emilio fai a Fuco Buxán e non emigrou: quedou, pasou por comisarías, xulgados e polo cárcere esperando á patria que non arribaba, e aí estivo poñendo todo da súa parte para que os tempos fosen chegados. Grazas por todo iso, Rafael.

Rafael Pillado, un home necesario

Te puede interesar