O prezo e valor da enerxía

É frecuente que a dicotomía do prezo e valor vaian xuntas malia teren diferente significado. O prezo polo xeral o poñen os comerciantes e o valor ten que ver coa importancia que lle damos ao que mercamos. Nunha situación de libre mercado existe o que chamamos competencia pero tamén están aí o que coñecemos por oligopolios. Se decidíramos mercar unha camisa sabemos que temos moito onde elixir e xa que logo poderemos mercar a que mellor se adapte as nosas posibilidades. Cos oligopolios non sucede o mesmo: impoñen o si ou si e non hai outra, non teñen competencia por moito que se queiran disfrazar , e son asoballantes e explotadores. Venden un produto de primeira necesidade: a enerxía, un ben fundamental, e como son explotadores cóbrano a un prezo abusivo sen lles importar un comino as consecuencias que pode carrexar á maioría da poboación. A enerxía ten un valor importante para quen a recibe, é un ben público co que non se debera especular. O goberno tería moito que dicir e decidir pero non di nin decide nada. Deciden outros.


En Galicia producimos más enerxía da que se consume. Xeramos uns 25 millón de MW hora e consumimos uns 17 millóns e medio. E non deberamos esquecer que a maioría desta enerxía propia é renovable e que Galicia é a única productora autosuficiente. Ademais esta enerxía nosa é a más barata , pero os señores da oligarquía fan táboa rasa e cóbrana ao prezo da más cara. Imaxinen que imos a unha peixería e mercamos catro quilos de sardiña e un de rodaballo e cando chegamos á caixa cóbranos todo a prezo de rodaballo. Pois o mesmo pásanos coa electricidade: somos vilipendiados ata o abuso extremo, róubanos a mans cheas, mexan por nós e temos que dicir que chove. E mentres isto ocorre o Goberno mirando para outro lado, dicindo dende Bruxelas que pechemos a chave do gas, que lle deamos menos ao interruptor de luz e, chegados ao paroxismo da estulticia, que a culpa de todo isto a ten a guerra- invasión de Ucraína . ¡Hai que ver! Somos manipulables ata este extremo.


O recibo da luz subindo día a día sen outras explicacións que as babecadas que escoitamos acotío, mentres expoliticos de primeira liña e diferente ideoloxía ( nisto son o mesmo) acomódanse ao abeiro das “eléctricas” defendendo dende os consellos de administración os intereses dos accionistas contra os dá xente cuxo dereito en liberdade neste caso é apagar a luz ou non chegar a fin de mes. Mercado libre si, se non se é pobre: dende a pobreza non hai liberdade.

O prezo e valor da enerxía

Te puede interesar