Un presidente legal pero non lexítimo

Estamos a asistir dende hai semanas a retransmisión en directo do reparto de poder entre os baróns provinciais do PP, como se o goberno da Xunta de Galicia fose un órgano máis do seu partido sobre o que poden decidir sen contar nin cos seus militantes nin coa coa sociedade galega.

Xa non falo de que o presidente da Xunta decidise abandonar Galicia e as súas responsabilidades ao fronte do goberno nun dos peores momentos económicos e sociais da comunidade, saíndo da pandemia e sufrindo as consecuencias da guerra de Ucraína.

Falo de que decidan repartir a presidencia do goberno da Xunta e as propias consellerías como se fosen propiedade do Partido Popular atendendo a criterios partidistas e tendo en conta componendas de poder orgánico provincial que pouco ou nada teñen que ver cos intereses dos galegos.

Como galego, con capacidade de decisión cada catro anos nas urnas e como responsable político, non podo deixar de considerar que o proceso sucesorio ao que estamos a asistir é legal pero non lexítimo. Todo o proceso é unha falta de respecto aos galegos e galegas que manifestaron a súa vontade nas urnas hai menos de dous anos.

A designación a dedo de Alfonso Rueda como sucesor de Feijóo, dende o máximo respecto, non é mais que a opción elixida por descarte tendo en conta que tiña que ser aceptada por todos os baróns provinciais.

E o realmente preocupante é que o goberno galego leva dous meses paralizado incapaz de tomar medidas concretas e tanxibles para afrontar a actual situación económica do país. Galicia leva dous meses cun goberno interino, sen proxecto nin capacidade de decisión, pendente de pactos partidistas e do reparto de cotas de poder.

Alberto Núñez Feijóo tomou unha decisión persoal deixando a un lado o interese xeral de Galicia e dos galegos que merecen contar cun goberno centrado nos seus problemas e con capacidade de tomar decisións e medidas que cheguen de forma directa aos cidadáns. Un goberno pendente dos galegos preocupado por atender ás súas necesidades e non un goberno en funcións, de transición á espera da evolución interna do PP.

Sinceramente, esperaba un maior respecto e lealdade con Galicia de quen foi presidente desta comunidade durante máis dunha década.


Un presidente legal pero non lexítimo

Te puede interesar