A pouca altura intelectual

Parece que a democracia nola regalaron, que non costou ningún esforzo chegaren ata onde chegamos, que foi un xeneroso agasallo duns políticos que, logo de morto o ditador, decidiron que o pobo, logo de tanto tempo de autoritarismo, xa estaba preparado para elixir aos seus representantes no parlamento, e comezaron a chegaren políticos electos que non tardaron en aldraxar aos que loitaron e incluso perderon a vida para ceibaren a unha liberdade secuestrada. Non contentos con iso dedicáronse a premiaren os servizos prestados a asasinos e torturadores. E así seguimos inventando España.


Ven todo isto a conto porque un político electo, Almeida, alcalde de Madrid, botou a perder o pouco intelecto que lle quedaba proferindo unhas manifestacións que por si solas o definen, referidas aos deméritos da escritora Almudena Grandes para non nomeala filla predilecta de Madrid. Denantes xa se significara por outras arroutadas máis propias de alguén cuxa altura intelectual anda baixo mínimos. Por exemplo impedir que uns versos de Miguel Hernández estiveran nun muro do cemiterio da Almudena na honra dos miles de fusilados alí polas forzas sediciosas e de retirar as placas co seus nomes. Ou tamén eliminar o nome dunha rúa dedicada á mestra Justa Freire, unha pioneira na educación española, e substituílo por outro na honra do sedicioso Millán Astray, aquel que proferiu a arroutada de: “¡Viva la muerte, muera la inteligencia!” no paraninfo da Universidade de Salamanca. Este pode que sexa o mérito que o alcalde electo de Madrid outórgalle a este personaxe, pasándose polo forro unha lei que prohibe calquera exaltación dos símbolos fascistas. Se este suxeito non forma parte da lista da representacións fascista, que veña Deus a velo e llelo conte ao señor Almeida. E así seguimos inventando España.


Estas cousas non sei ata que punto lle estarán pasando factura ao alcalde, e se fose así pois que se poña as pilas porque crédito, o que se di moito crédito, non lle debe quedar a estas alturas desta película.

Pero estas sonche cousas da estratexia dos chupóns que se abeiran na democracia invadíndoa co gallo de lle sacar todo o partido que poidan coa conivencia de moitos votantes.


Tíñamos que saber elixir mellor e non andar a velas vir . Non teño dúbida de que na dereita hai xente de constatada altura intelectual pero nalgúns o pouco intelecto remata por converterse en degradación moral. É o que lle pasa ao alcalde de Madrid.

A pouca altura intelectual

Te puede interesar