!!Perigo!!

Hai poucos días fíxose na Avenida de Vigo un cambio na situación dos diferentes contedores que segundo o meu curto entender aumentou bastante a perigosidade desta vía, xa de por sí moi conflitiva, pola esaxerada circulación de vehículos de todo tipo, Buses, furgóns, camións de reparto, turismos, motos, bicicletas e algún cochiño de inválido, que tamén os hai. 


De sobras é coñecido que os accidentes nunca se producen por casualidade, senón que son o resultado de varias circunstancias. Neste caso concreto, trátase do paso de peóns entre a rúa Velázquez e a Praza de Sevilla, onde se dan as seguintes coincidencias: Paso moi concorrido por nenos e xente maior; contedores na beira en dirección ao túnel da Praza de España que dificultan aos peóns  a visión da calzada, mentres os condutores non poden ver a alguén que queira cruzar. Isto non sería demasiado problema, se non fose pola parada de buses na outra beira, en dirección á Praza de España, e os camións e furgóns de reparto que adoitan ocupar a outra parte da vía, e que incitan aos turismos a invadir a parte esquerda en dirección ao túnel, perdendo a visión dos posibles peóns ocultos polos contedores. 


Non quero ser agoreiro, mais coido que neste caso é mellor poñer a venda antes da ferida. Coido que é indispensable que os Técnicos en Tráfico e Seguridade Cidadá fagan unha visita ao lugar e, si é o caso, tomen as medidas necesarias, pois semella que todos eses detalles xuntos poden se converter nun momento dado, nunha bomba de reloxería. 


Ogallá que non.

!!Perigo!!

Te puede interesar