Pepe Buitrón é morto

 Desolación. Eso foi o que houbo nos primeiros minutos, nas primeiras horas logo da súa morte. As chamadas eran un pranto incontible. Onte, pouco antes das dúas, chamei a unha xornalista para darlle a nova, e rompeu a chorar. Cando o seu fillo Óscar me pediu que falase nas honras fúnebres, díxenlle que preferiría non falar, só chorar. Mais non abonda con chorar, cómpre falar del, contalo humanamente, profesionalmente, civicamente.


Coñecín a Pepe no ano 70 do século pasado, na Coordinadora Nacional das folgas do MIR, e dende entón sempre estivemos xuntos na vida, na profesión, no sindicalismo, na política, aínda que ultimamente “só” en coalición, permítaseme a brincadeira. Por eso o coñezo moi ben, sei da súa forza, da súa valentía, da súa bondade (díxome un coñecido onte: a min só se me aparece o seu sorriso e a súa bondade). Forza vital que o levaba a percorrer os desertos no seu vello Nissan, un experto que chegou a dirixir una expedición da TVG na Mauritania, a bañarse en todos os mares mentres ensinaba e axudaba, dirixía en realidade, programas de transplante en Cuba, en Trinidad, en Filipinas. De iniciar programas de transplante sabíao todo, porque o fixera aquí, cando nos primeiros oitenta ía a Ourense no seu 2 cabalos –non había autoestradas–, a unha da madrugada, chegaba, facía a extracción dos rils, volvía e as sete da mañá entraba no quirófano para facer un e as once o outro; sin compensación económica, todo hai que dicilo.


A gran fortaleza mental e física de Pepe, que tiña para as súas viaxes ao deserto e para traballar 24 horas, tamén para cando ía en bicicleta ás reunións do Sindicato Galego de Sanidade a Lugo ou a Pontevedra. Forza mental para fundar ese sindicato e defender a sanidade pública (incansablemente sempre), e aos sectores obreiros do hospital, as pinches, os celadores, as da limpeza, os de mantemento, que o adoraban, e tamén as enfermeiras, establecendo alianzas cos médicos, que o respectaban todos, mesmo os máis conservadores, porque era un profesional de excelencia, un cirurxián de primeirísimo nivel.  E o seu compromiso cívico, político, patriótico, aínda que non  sei se esta verba lle agradaría, militando en partidos da esquerda, nacionalistas ou non, inquedo, crítico, incómodo sempre.


A súa amizade inmarcesible, sempre aí, aínda que tardases en saber del, que callaba na súa casa Villa Isabel, a carón do hospital, un verdadeiro refugium aflictorum. E agora Pepe non vai estar, teremos que vivir sin el e non vai ser doado, mais lembraremos a súa forza, a súa valentía, a súa entrega, a súa profesionalidade, o seu compromiso, a súa bondade infinita. E agradecémoscho, e agradecerémoscho. Irmán.

 

Pepe Buitrón é morto

Te puede interesar