No delicioso e apacible atardecer deste pasado venres –nada que ver cos quentes de máis de días anteriores– a horta da padronesa casa da Matanza, na que pasou os derradeiros anos da súa curta vida Rosalía de Castro e hoxe é sede da Fundación que leva o seu nome, acolleu –como non podía ser doutra maneira– a presentación do libro 60 anos da Fundación do Pedrón de Ouro: Un fío de amor e lealdade a Galicia, obra de Xosé Ramón Fandiño Veiga. As palabras do fermoso subtítulo están tomadas deste texto de Xosé Luís Méndez Ferrín, que se recollen ao comezo da obra:
“Con certa frecuencia confúndense o Padroado do Pedrón de Ouro co Padroado Rosalía de Castro. Son dúas institucións claramente diferenciadas, aínda que moi irmandadas e con membros que pertencen ás dúas: Camilo Agrasar Vidal, galeguista e republicano padronés, “o viúvo de Rosalía”, Avelino Abuín de Tembra, Octavio Sanmartín e Maximino Rodríguez Buján. Un fío de amor, de lealdade e coñecemento une as institucións do Pedrón de Ouro e o Padroado Rosalía de Castro”.
O xornalista, fotógrafo, editor gráfico e de-señador Xaime Fandiño foi o responsable do deseño e da maquetación deste atractivo e groso volume (448 páxinas) editado co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O libro ábrese lembrando como na celebración do luns de Pascua de 1964 (30 de marzo), concorrida festa padronesa, o profesor Avelino Abuín de Tembra lle suxeriu ao escritor e xuíz Maximino Rodríguez Buxán (Máximo Sar) que, na liña do recentemente creado Día das Letras Galegas, sería interesante dedicar outra data á exaltación dunha personaxe galega distinguida. Dito e feito. Mes e medio despois, o 17 de maio de 1964, no Espolón de Padrón, entregábase o primeiro Pedrón de Ouro ao poeta Faustino Rey Romero. A partir de aí, a comezos do ano 1965, constituiuse e legalizouse unha asociación “con fins eisclusivamente literarios, adicada a encimar a Cultura galega nos seus variados xeitos” denominada “Padroado do Pedrón de Ouro”, que vén de cumprir, xa que logo, 60 anos.
A serie de celebracións que abriu Rey Romero pechouna –non sei se transitoria ou definitivamente–, a título póstumo, Carlos García Martínez, quen, desde o seu ingreso en 1975, actuou como un auténtico vivificador da institución, sendo, ademais, se non estou trabucado, o patrón que pertenceu máis anos ao Padroado. Como recolle esta historia tan ben contada por Fandiño, o “Pedrón de Ouro é un premio distinto, ao que non fai falta presentarse, posto que o mesmo Padroado vive atento a todas as realizacións transcendentais para o progreso material e espiritual que se poidan producir en calquera sector e ás persoas que están tras elas”. A relación de galardoados penso que dá fe desta afirmación. E outro tanto habería que dicir dos premiados co Pedrón de Honra. O Pedrón tamén levou adiante, desde 1975, o Concurso de Narracións Curtas Modesto Rodríguez Figueiredo, que acabou converténdose no premio literario máis lonxevo dos existentes en Galicia e no que foron premiados a maior parte dos narradores máis relevantes da literatura galega máis achegada a nós. O libro recolle os nomes de todos os premiados, tanto dos Pedróns como dos narradores.
Só resta facer mención da brillantez das palabras pronunciadas polos participantes no acto: Anxo Angueira, María Xosé Rodríguez e Xosé Ramón Fandiño.