Pasados e presentes

Lin, como fago frecuentemente, a columna “Patente de corso” de Pérez-Reverte do XLSemanal da pasada semana. Nela lembraba situacións da súa mocidade, parellas das que eu vivín, algo nada raro se temos en conta que lle levo por volta dun ano. Unha delas a de ir a “sesiones de cine en las que lo de menos era la película”, nas súas palabras. Debo dicir que no meu caso estas foron as menos -el nada di desta cuestión cuantitativa- e, ademais, non recordo ningún filme de certo interés do que me enterara pouco por estar máis dedicado a outros menesteres. De feito, nos anos de aprendizaxe sexual, non recordo ter ido en compañía feminina a ningunha película das que podían pagar a pena, unha delas ¿Arde París? E cito este título porque o escritor cartaxeneiro recorda que Arde París tivera que vela dúas veces, “porque la primera ni me enteré”.


Recordo tela visto no Capitol, ao pé da miña casa, como o Callao, razón pola que foron ambos os cines que máis frecuentei. O filme, unha superprodución franconorteamericana, viña avalado por diferentes motivos, nomeadamente pola cantidade de actores e actrices recoñecidos, tanto do cinema ianqui como do francés (Orson Welles, Kirk Douglas, Glenn Ford, Anthony Perkins, Jean-Paul Belmondo, Yves Montand, Michel Piccoli, Charles Boyer, Leslie Caron, Simone Signoret, Alain Delon...), mais tamén polo director, René Clément e polos guionistas Gore Vidal e Francis Ford Coppola, que poucos anos despois obtería premios Oscar polos guións de Patton, O Padriño ou Apocalypse Now. Nada menos. Tamén incitaba a vela o nome do autor da banda sonora, Maurice Jarre, que viña de acadar unha tremendo notoriedade polo éxito da música de Doutor Zhivago. “Paris en colère” e “Soldats sans arms”, escoitáronse moito na voz de Mireille Mathieu, que os gravara nun single.


Por outro lado, nesa altura un dos meus actores preferidos era Alain Delon, pois non hai que esquecer que xa fora protagonista en filmes da relevancia de Rocco e seus irmáns ou O gatopardo, ambas de Visconti, e d’O eclipse, de Antonioni ou A pleno sol, do citado René Clément, grandes nomes do cine universal daquel tempo, e de sempre. Delon dáballe vida a Jacques Chaban-Delmas, loitador que fora na resistencia francesa -chegou a xeneral de brigada- e que na altura da rodaxe e a estrea do filme ocupaba o alto cargo de Presidente da Asamblea Nacional. Souben da súa existencia cando o vin na película e -se cadra por estar interpretado por Delon- nunca me esqueceu o nome, porque quen coñece o dos primeiros ministros franceses? Como se chama a actual?


Hai poucas semanas estiven pasando uns días en Burdeos e cal non sería a miña sorpresa cando, na enorme praza Pey-Berland, ao pé da inmensa catedral de Saint André e da súa torre do campanario, batín cunha estatua da súa figura en pose de camiñante, de máis de tres metros de altura, obra do escultor francés Jean Cardot. Nunha placa do pedestal onde asenta podemos ler, nesta orde: “Compagnon de la Liberacion, Premier Ministre,  Président de l’Assemblée Nationale, Maire de Bordeaux”. Pola miña paixón futboleira, sabía da existencia do estadio que leva o seu nome, onde xogou moitos anos o Girondins, mais descoñecía a existencia desa estatua.


Unha sorpresa, como Burdeos todo. Unha maravilla poder camiñalo e outro tanto poder moverse no seu tranvía.

Pasados e presentes

Te puede interesar